Os catro colexios públicos e os dous institutos existentes no concello presentan necesidades de melloras reiteradamente reclamadas pola comunidade educativa, tanto de mantemento e conservación das infraestruturas como de dotación de novas instalacións non previstas na construción inicial dos centros.
A maioría desas melloras foron propostas polo BNG, a finais de 2020, como emendas aos orzamentos da Xunta para este ano 2021 e todas foron rexeitadas polo goberno de Feijóo. Outras teñen sido demandadas ao goberno local e tampouco foron atendidas.
No pleno de maio, o BNG presentou unha moción en que solicitaba trasladar unha relación desas necesidades aos gobernos de Gondomar e da Xunta de Galicia, instándoos a acometelas á maior brevidade para que a súa maior parte puidera estar executada para o inicio do vindeiro curso escolar.
Tamén insistía o BNG na urxencia da creación do Consello Escolar Municipal como organismo consultivo que reúna a representantes da comunidade educativa de Gondomar para establecer a súa necesaria interlocución co goberno municipal e a súa participación na toma de decisións que lles afectan.
A moción foi debatida no pleno de xuño e foi rexeitada polo voto en contra do grupo socialista co Alcalde á cabeza. O PP tampouco apoiou a proposta.
Relación de necesidades nos centros de Gondomar incluídas na moción do BNG
– CEP Neira Vilas – Peitieiros
Pechado de pista cuberta, para utilización aínda con mal tempo.
Construción dun ximnasio ao non dispor o centro de espazo axeitado para impartir educación física.
– CEIP Serra – Vincios
Ampliación do comedor, xa insuficiente antes dos protocolos Covid.
– CEIP Souto – Donas
Ampliación do comedor, xa insuficiente antes dos protocolos Covid.
Cuberta para cubrir a distancia entre o comedor e os aseos.
Cuberta no acceso desde o exterior até a segunda planta do colexio, que é unha das entradas habilitadas para parte do alumnado en cumprimento dos protocolos Covid.
– CEIP Chano Piñeiro – Gondomar
Arranxo do muro do acceso ao centro por perigo de desprendementos, sobre todo para quen vai a pé.
Cuberta das pistas para o seu uso polo alumnado de infantil.
Cuberta do acceso ao colexio desde a zona onde aparcan os autobuses.
– IES Terra de Turonio – Gondomar
Mellora, ampliación e sinalización máis completa dos aparcadoiros de autobuses e particulares e do reservado a persoal do centro, eliminando o funil de entrada desde a estrada Gondomar-Vilaza.
Resolución da problemática da canceira por razóns de salubridade e para a eliminación de ruídos polos ladridos dos cans.
– IES Auga da Laxe – Gondomar
Arranxo valado de entrada, deteriorado desde a remodelación do aparcadoiro municipal que está pegado.
Cambio de cuberta do IES que segue a meter auga a pesar do parches feitos con anterioridade.
– IES Terra de Turonio e IES Auga da Laxe
Arranxo e iluminación da escaleira que comunica os aparcadoiros dos dous IES, e do seu entorno, para mellorar este acceso do alumnado aos aparcadoiros de autobuses e, no caso do IES Terra de Turonio, ao pavillón municipal onde realizan a materia de educación física.

