Convocan unha marcha contra o proxecto eólico na Serra da Groba

O Instituto de Estudos Miñoráns e SOS Serra da Groba convocan este domingo día 16 de maio unha marcha contra o modelo enerxético da Xunta de Galicia, que pretende instalar 44 aeroxeneradores repartidos en seis parques eólicos por toda a Serra da Groba. O punto de encontro será o Alto da Mata (Fonte Icona), no quilómetro 9,7 da estrada EP-2202 Baiona-Loureza, ás 11:00 horas.

“Faremos unha marcha, maioritariamente pola estrada, curta, máis ou menos de 1,5 Km. Comezaremos a uns 280 metros do Cortelliño, no Alto da Mata, e procuraremos aparcar os coches uns metros máis abaixo, tentando non entorpecer o tráfico e deixando o espazo libre do Alto da Mata para comezar a camiñada seguindo as normas de seguridade, tanto viaria como anti COVID”, apuntan desde SOS Serra da Groba.

“No Alto da Groba pretendemos non meter coches (só os da organización, seguridade e discapacitados) para deixar espazo suficiente para a xente e que se poida manter as distancias de seguridade. Agradecemos a colaboración e o respecto ás normas para que todo vaia correctamente”, conclúen desde a organización.