O Vigo-Rías Baixas próbase en Padrón e Catalunya antes de exercer de anfitrión

O próximo 16 de maio o Vigo-Rías Baixas organizará a sétima xornada da Copa de España e ao día seguinte, tamén na cidade olívica, o Campionato de Galicia de fondo na estrada. Na conta atrás para exercer de anfitrión por partida dobre, o equipo presidido por José Luis Chamorro poñerase a proba en tres carreiras. Os corredores flúor participarán esta fin de semana na Clásica de Pascua, no Campionato de Catalunya e no GP Òdena.

O municipio coruñés de Padrón acollerá este sábado pola mañá a primeira carreira da tempada en territorio galego. A Clásica de Pascua-Ruta Xacobeo, sexta cita da Copa de España, marca o ecuador do certame estatal. Miguel Ángel Fernández e Ander del Castaño serán os dous referentes no “sete” confeccionado por Marcos Serrano. O velocista cántabro e o escalador vascos terán como compañeiros de equipo a Asier González, Jon Tena, Álvaro Carasa, Ángel Maneiro e André Taboada.

Ás 10:00 horas darase o bandeirazo de saída á 59ª edición desta clásica, unha proba rompepernas de 150 quilómetros con seis ascensións puntuables. O último porto da xornada, o Alto de Formarís, coroarase a 18 km da liña de meta.

O sábado pola tarde a atención do Vigo-Rías Baixas estará centrada na localidade barcelonesa de Vilanova i La Geltrú. Alí celébrase a Clàssica Isaac Gálvez, competición na que se pon en xogo o título de campión de Catalunya con Benjamí Prades como un dos favoritos para facerse coa coroa Elite. O percorrido de 128 km conta con explosivas ascensións que chegan a alcanzar nas súas ramplas o 16% de desnivel.

O segundo test da fin de semana para o ex profesional catalán, chamado a liderar ao seu equipo no Campionato de Galicia do 17 de maio en Vigo, chegará o domingo no GP Òdena. Prades atoparase un terreo propicio para as súas características no 149 km desta carreira puntuable para o circuíto Grans Clàssiques catalás. A subida e o posterior descenso do alto de Rubió afán ser decisivos no tramo final.