Nigrán incorpora o servizo de atención temperá para crianzas con algún trastorno do desenvolvemento

O Concello de Nigrán incorporará por vez primeira no municipio o Servizo de Atención Temperá dirixido a crianzas de 0 a 6 anos con algún trastorno transitorio ou permanente no seu desenvolvemento ou en risco de padecelo. Este se situará a partir de xullo na antiga Escola de Nenas do Ceán (local municipal sede da entidade veciñal Dunas e que, xenerosamente, autoriza a empregar) e contará cun logopeda, un fisioterapeuta e un psicólogo. A posta en marcha inicial conta cunha subvención da Xunta de 28.730 € para 1.750 horas de servizo desde o 1 de xullo do 2021 ao 31 de outubro de 2021, asumindo a continuación o Concello o seu financiamento co obxectivo de que funcione indefinidamente. A súa presenza en Nigrán permitirá dar verdadeira resposta á demanda do municipio e que as familias deixen de ter que desprazarse ata Vigo, onde a Consellería de Sanidade o ofrece a través da Clínica San Rafael, con lista de agarda.

“Temos a subvención e o local municipal da A.V. Dunas de Nigrán, agora licitaremos o servizo para que poida optar a el unha empresa ou unha entidade social, o noso obxectivo é mantelo como un piar da nosa política ‘Un Nigrán para todos’”, explica o alcalde, quen recibiu a resolución da Xunta este luns 26 de abril e a cualifica como unha «boísima nova para o municipio”. “Era unha demanda de moitas familias, educadores e sanitarios e unha prioridade para o Departamento de Servizos Sociais de Nigrán, así que a satisfacción é máxima”, recoñece.

Tal e como se solicitou desde o Concello, o servizo contará cun fisioterapeuta a media xornada e un logopeda e un psicólogo a xornada completa. Os pacientes serán derivados a través dos centros de saúde de Nigrán (pediatría), aos que os centros educativos ou ben os propios servizos sociais do Concello tamén poderán recorrer para a petición de diagnóstico, sendo fundamental o seu traballo para a detección precoz dos trastornos ou do risco de padecelos. Entre os diagnósticos con alta probabilidade de precisar deste servizo para potenciar as capacidades están a gran prematuridade, o dano cerebral, parálises, trastornos do espectro autista, TDAH, trastornos de conduta ou emocionais, xordeira, cegueira, anomalías conxénitas do cerebro… Isto xeralmente implica un retraso no desenvolvemento xeral, da motricidade fina ou grosa, do sistema cognitivo, da linguaxe… Noutros casos, a crianza que o precisa está nunha situación de vulnerabilidade evolutiva debido a factores de risco biolóxicos, psicolóxicos ou sociais, e, por tanto, con alta probabilidade de desenvolver un trastorno ou retraso no desenvolvemento de non mediar unha intervención temperá. Polo tanto, ditas actuacións non van dirixidas unicamente aos nenos que padecen algún déficit físico, psíquico ou sensorial, senón tamén aos que poden presentar problemas madurativos ou de adaptación (coñecidos como nenos de alto risco) e aos nenos sen unha patoloxía evidente.

O obxectivo é que o Servizo de Atención Temperá deseñe de xeito multidisciplinar sesións individualizadas que permitan potenciar a capacidade de desenvolvemento e de benestar destes pequenos e das súas familias. “Hoxe en día non cabe dúbida que a detención precoz na primeira infancia é fundamental para mellorar infinidade de aspectos na vida das persoas, por iso o consideramos básico para o Nigrán que estamos a construír”, resume o alcalde.