Unha trintena de voluntarios retiran 150 quilos de lixo da desembocadura do Muíños en Praia América

O Concello de Nigrán uniuse este venres 19 de marzo por vez primeira ao Proxecto LIBERA “1m2 por los ríos” cunha xornada matinal de limpeza na desembocadura do río Muíños en Praia América. Unha trintena de persoas participaron nesta acción voluntaria que ten como obxectivo non só liberar á natureza de lixo, senón caracterizar e tipificar o refugallo que en cada punto de se atopa. A xornada desenvolveuse coas medidas de seguridade e prevención necesarias para salvagardar a saúde dos participantes, retirando plásticos de todo tipo, redes de pesca ou envoltorios.

Paralelamente, baixo o lema “Plántalle cara aos plásticos”, o Concello e a asociación ecoloxista “Amigos da Terra” manteñen activa esta campaña para que os conviventes aproveiten os seus paseos pola praia para recoller lixo. A acción é recoñecida premiando a cada grupo cun diploma de “Familia Concienciadora”, unha guía de aves do ecosistema dunar Praia América-Panxón e un paquete de sementes florais atraentes de insectos polinizadores, claves para a supervivencia do planeta.

Os interesados en participar tan só teñen que descargar unha ficha da web http://www.nigran.org e cubrila durante a limpeza, facer unha foto de grupo co lixo obtido e enviar os dous documentos a comunicacion@nigran.org. O Concello instalou cadanseu “peixe tragaplásticos” en Praia América e Patos para depositar aí o lixo e facer máis visible a campaña, pero resulta igualmente conveniente que os participantes o tiren en contedores separativos.