Couso elimina tocos de eucalipto con cogomelos comestibles

A empresa Ideas para tu Huerto, en colaboración coa Comunidade de Montes de Couso, está a levar a cabo unha experiencia innovadora en materia ambiental, o aproveitamento-eliminación natural dos tocos de eucalipto utilizando un fungo (shiitake), que produce cogomelos comestibles de gran calidade.

En Galicia cada ano tállanse miles destas árbores, permanecendo os tocos no terreo un longo período de tempo ata que son degradados pola Natureza, aínda que no caso dos eucaliptos adoita producirse o rebrote.

Unha solución ecolóxica e unha alternativa ao destoconado mecánico ou químico (que teñen maiores custos económicos/ambientais), consiste en reproducir o proceso natural de descomposición da madeira por parte de fungos saprófitos, ao mesmo tempo que se obteñen cogomelos comestibles.

A experiencia realizouse o 14 marzo (o día antes do confinamento nacional por Covid 19), sobre 15 tocos con diámetros que van desde os 20 aos 100 cm., e os primeiros cogomelos comezaron a saír aos 7 meses. Na sementa, utilizáronse ferramentas adaptadas e unha variedade específica de Lentinuda edodes.

A produtividade do shiitake sitúase en torno ao 20% do peso da madeira en carballos e é algo menor en madeira de eucalipto, pero aquí temos que ter en conta que un toco de eucalipto de 60 cm. pode chegar a pesar máis de 1.500 kg. e estar a dar cogomelos durante 5 anos.

Esta é unha solución nova de aproveitamento da biomasa forestal e un claro exemplo de economía circular, desenvolta por un “apaixonado ao mundo dos cogomelos” como se define Miguel A. Rodríguez (xerente da empresa Ideas para tu Huerto), situada en Tui, e coa que quere contribuír a xerar riqueza e emprego no medio rural.

O shiitake, é un cogomelo de cultivo moi valorado por: chefs, afeccionados aos cogomelos, veganos, consumidores de produtos ecolóxicos e gourmet; comezou a cultivarse en China, fai máis de mil anos e atribúenselle propiedades beneficiosas para a saúde.

Este mesmo cogomelo é cultivado pola Comunidade de Montes de Couso sobre troncos de castiñeiro, que obteñen das súas podas e xa comprobaron que resulta máis rendible que producir madeira.

A Comunidade de Montes de Couso, recentemente, acaba de recibir o recoñecemento da ONU pola súa xestión forestal.

O próximo outono queren empezar a prestar este servizo a comunidades de montes, particulares e concellos, e doutra banda tamén van ampliar a experiencia aos tocos de coníferas e de frondosas (con outras especies de cogomelos).

Miguel A. é micólogo experimental e leva algúns anos colaborando coa Comunidade de Montes de Couso: aconsellando e impartindo cursos de iniciación ao cultivo de cogomelos, convidando a expertos de Portugal en materia de cultivo e fornecendo semente de cogomelos (micelios).

En 2019 conseguiu o 3º premio do concurso Naturgreen (de Laboratorios Almond, empresa nacional de referencia en venda de alimentos ecolóxicos) por outro dos seus proxectos: “Recicla borra de café cultivando cogomelos”, co que anima a transformar este outro “residuo” nun alimento saudable. Unha idea que xurdiu no CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui, colexio ao que tamén asesora en temas de reciclaxe e horto escolar.

Xa son numerosos os colexios de toda Galicia que solicitaron os seus obradoiros demostrativos, e miles os nenos, novos e adultos que aprenderon a elaborar os seus propios kits de cultivo de cogomelos, contribuíndo desta forma na creación dunha cultura micolóxica próxima e de aproveitamento dos recursos naturais.