O Bike Park da localidade oscense de Fraga acolleu ao longo deste domingo a disputa da segunda edición do Campionato de España de Pump Track, unha nova disciplina que agrupou neste nacional a máis de 160 participantes pertencentes a gran maioría ás categorías de formación. Unha excelente noticia para esta nova modalidade que premia a habilidade técnica sobre a bici e na que resultou subcampión en categoría Júnior o nigranés Xoel Pereira Rial.
O integrante do Club Bici Verde acudiu convocado pola Selección Galega, que participou por primeira vez na gran cita estatal desta emerxente especialidade, logrando a medalla de prata cun tempo de 16’’14. Estivo acompañado no podio por Ángel Heras Moreno, que se proclamou campión cun rexistro de 14’’81, e Diego Vázquez Morales, terceiro clasificado cun crono de 16’’53.
Este Campionato de España de Pump Track puxo, ademais, de manifesto que os pilotos novos e en idade de formación non só foron maioría na inscrición, se non que co seu talento xogaron un papel protagonista na competición.

