O BNG insta a executar xa os fondos europeos destinados a eliminar a fenda dixital

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defende que se executen “sen dilación” os distintos fondos europeos que a UE pon a disposición dos Estados Membros para mellorar a conectividade. “Galiza é a segunda comunidade do Estado con menor implantación da banda ancha, pero a fenda dixital agravouse durante a pandemia e provocou unha maior crise económica, exclusión social e incomunicación, especialmente nas zonas rurais”, denunciou Miranda.

“Existindo diversos fondos europeos cos que solucionar a fenda dixital, como os fondos FEDER, non pode ser que en Gondomar, como en outras zonas do país, existan problemas de acceso á fibra óptica”, manifestou Ana Miranda, durante unha reunión mantida coa concelleira do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez Pumar e representantes da Plataforma Gondomar Fibra Xa, para abordar a situación deste concello.

Ao respecto, desde esta Plataforma explicaron que existe un problema de alimentación desde o nodo da Ramallosa a Gondomar que é a que permitiría alimentar a rede de distribución, que xa está despregada, “pero que non vai máis alá dun 20 ou un 30% das parroquias”. “Esa alimentación daría a posibilidade de seguir implementando a distribución da fibra, unha vez que estivese operativa a alimentación principal, e favorecería a conexión das persoas que actualmente contan con ADSL ou outras conexións, actualmente saturadas”, sinalaron.

Prezo accesible

Precisamente, en resposta a unha pregunta formulada polo BNG sobre a baixa implantación da banda ancha en Galiza, a Comisión Europea explica que para o período de programación 2021-2027, a Comisión propuxo tanto fondos de xestión directa (en particular, o novo Mecanismo “Conectar Europa”), como fondos de xestión compartida (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rexional), así como o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR).

“Non só existen fondos para garantir a conectividade, imprescindible nestes tempos, senón que segundo a normativa europea, os Estados membros deben garantir que todos os consumidores poidan dispoñer a un prezo accesible dun acceso adecuado a Internet de banda ancha”, salienta a portavoz do Bloque en Europa, tal e como sinala a Comisión Europea na súa resposta.