O Festivaliño chega a Sabarís e Baiona

A vindeira fin de semana chega o “Festivaliño” a Baiona. Trátase dun pequeno gran festival, un proxecto de distribución, exhibición e creación de cine infantil para nenos e nenas. O obxectivo é propiciar unha nova xanela de exhibición de pezas audiovisuais para nenos e nenas, público infantil de 0 a 12 anos, achegando novos contidos audiovisuais dunha maneira lúdica á par que didáctica. Os e as participantes poderán visitar a caravana do festivaliño e poderán desfrutar doutras actividades.

O sábado realizarase en Sabarís, no Multiusos do Mercado, e o domingo na Alameda Carabela Pinta en Baiona. Haberá dúas sesións de mañá en horario de 11:00 a 12:00 e de 12:00 a 13:00 horas e dúas de tarde de 16:30 a 17:30 e de 17:30 a 18:30 horas. Non é necesaria inscrición, poderase acceder até completar aforo. A actividade que é gratuíta está enmarcada no programa “Novembro Lila”, organizado pola Concellería de Igualdade e subvencionado pola Deputación de Pontevedra, no marco da Liña 2 do Plan Concellos 2021.