A Plataforma Gondomar Fibra Xa entrega máis de 1.500 firmas para reclamar unha internet de calidade

A plataforma #GondomarFibraXa presentou hoxe ante o rexistro do Concello de Gondomar 1510 firmas recollidas nos últimos meses. Un número moi importante tendo en conta que foron recollidas nun tempo cheo de medidas de restrición da mobilidade e de distanciamento persoal por mor da Covid e que representan un 10% da poboación do municipio e que dan proba do profundo malestar que os veciños e veciñas senten ante a inacción das institucións implicadas. Con elas denúnciase entre outras cousas que os gobernos da Xunta e do Estado están a incumprir cos obxectivos establecidos pola Axencia Dixital para Europa no que respecta á velocidade do acceso a Internet, que establecían para Galicia no 2020 en, cando menos, 30 Mbps, mais nesta altura na maior parte de Gondomar aínda non se acada nin o 10% dese mínimo.

Tamén consideran que se vulnera o dereito da veciñanza de Gondomar a ter un servizo de internet de calidade e en igualdade de condicións que outras zonas. “Os servizos de acceso a internet no noso concello son lamentables: disfuncionais, saturados e obsoletos. O confinamento derivado da terrible situación sanitaria que estamos a vivir non fixo máis que evidenciar, nomeadamente durante o confinamento, esta carencia tanto maior canto máis lonxe do centro urbano. A verdadeira fenda dixital en Gondomar é a derivada dun servizo esaxeradamente lento, cando non inexistente nas zonas máis rurais do concello. Esta fenda fíxose máis notoria durante o confinamento, cando a conexión a internet foi máis necesaria que nunca, e deixou en evidencia que aínda estamos nunha Galicia de dúas velocidades”.

Aseguran que isto pasa porque os gobernos que pagan as subvencións non fan seguimento dos prazos de execución das fases de implantación do servizo ou estes son moi laxos ou mesmo son prorrogados, nin as empresas perden as subvencións nin son sancionadas por incumprir eses prazos e por dilatar no tempo a execución dos traballos de implantación. “Mentres, os usuarios sofren as consecuencias do que a todas luces é unha nefasta xestión dos fondos públicos”.

“As veciñas e veciños estamos a vivir coa ameaza dun posible novo confinamento que afondaría nas necesidades dos colexios e do alumnado de poder impartir clases online, nos problemas para o tele-traballo de particulares, autónomos e empresas radicadas no municipio, incluso para servizos sanitarios ou de ocio. As direccións dos centros de ensino e as ANPAs xa manifestaron a incapacidade para poñer impartir ensino a distancia debido a mala conectividade no noso concello, e así o están a trasladar nos Consellos Escolares, na Comisión municipal de seguimento da COVID e diante da Consellería de Educación. Esta situación xera grandes desigualdades e perda de oportunidades, é a nosa verdadeira fenda dixital e require unha solución inmediata”.

Con estas firmas o que demandan é:

a) das administracións competentes, tanto galegas como estatais:

– Que cumpran e fagan cumprir os compromisos de implantación dun servizo de internet de calidade que permita desenvolver en calquera punto do concello calquera actividade que dese servizo dependa, en igualdade de condicións que outras zonas urbanas.

– Que obriguen ás empresas prestadoras do servizo de conexión a internet a cumprir co estipulado no contrato ou reducir o custe do mesmo en función do que realmente poden ofrecer.

b) das empresas prestadoras do servizo de Internet, fundamentalmente daquelas que son beneficiarias de subvencións públicas para o despregamento de fibra óptica ou de calquera outro sistema de conexión alí onde a fibra non chegue:

– Que axilicen as xestións, negociacións e traballos precisos para efectivizar, á maior brevidade posible, a conexión á rede da veciñanza.

– Que cumpran co estipulado nos contratos do servizo, e mentres este non se garanta coa calidade suficiente, que reduzan o custe do mesmo en función do que realmente poden prestar.

Así mesmo informan que a Plataforma #GondomarFibraXa solicitou oficialmente intervir no próximo pleno municipal que se celebrará telemáticamente mañá xoves 25 de febreiro ás 20:00 horas para instar a todas as organizacións políticas alí representadas a axuntar forzas e acordar medidas conxuntas para conseguir dunha vez por todas que todos os veciños de Gondomar teñan acceso a un internet de calidade, vivan na parroquia que vivan.