Manifesto Miñor leva a pleno unha campaña de Abanca “que denigra ás persoas maiores”

Manifesto Miñor leva ao Pleno de Gondomar que se celebrará este xoves unha moción de urxencia para que toda a Corporación Municipal rexeite “a propaganda infame de ABANCA que degradas ás persoas maiores”. “Como é sabido en decembro de 2013 a fracasada Novagalicia Banco foi mercada a prezo de saldo por un grupo venezolano liderado por Juan Carlos Escotet pola módica cantidade de 1.003 millóns de euros, iso si, despois de ser rescatada polo Estado cunha inxección de 9.050 millóns de euros”, recorda Antonio Araújo.

“No primeiro exercicio 2014 as súas ganancias alcanzaron os 1.157 millóns superando o prezo de compra, e así até hoxe que as ganancias seguen producíndose exercicio tras exercicio. Pois ben, agora xa sabemos de onde saen parte desas ganancias: peches de sucursais, redución da persoal de traballadores ou o cobro de comisións inxustificadas que raian na estafa. E gora, como iso lles debeu parecer pouco, ABANCA insulta directamente ás persoas maiores de Galicia cunha campaña publicitaria infame con cartace deste tipo. Qué será o seguinte, cobrarlle outra taxa por seren vellos e por “estorbar”?. Pareceralle ben a ABANCA ver ás persoas maiores facendo cola diante dos seus caixeiros, en moitos casos despois de vir de lonxe e normalmente unha vez ao mes para aproveitar a viaxe e facer outras cousas? Velaí a necesidade urxente dunha Banca Pública Galega”, sinala o voceiro de Manifesto Miñor.

A moción propón que o Pleno da Corporación Municipal de Gondomar acorde rexeitar este tipo de campaña levada a cabo por ABANCA, por considerala impropia e insultante para as persoas maiores de Galicia, así como solicitar de ABANCA a retirada inmediata da devandita campaña.