A vaca rescatada en Nigrán xa está no seu novo fogar

Todo o esforzo, traballo e dedicación deron os seus froitos, a vaca rescatada en Nigrán conseguiu poñerse en pé por si mesma, e mesmo saír a pasear un pouquiño e pastar ao aire libre nas instalacións de Proyecto Gato en Gondomar. Despois desta gran noticia, empezouse a organizar a súa viaxe ao seu novo e definitivo fogar, e o pasado venres 8 de xaneiro recibíana no Santuario Animal Vacaloura, en Santiago de Compostela, onde poderá estar con máis animais da súa especie, como animal gregario.

“Laura foi capaz de subir e baixar do camión que a trasladou, polo seu propio pé, o que nos alegrou unha chea polo que significa na súa recuperación. Agora só vai ter que preocuparse de coller peso, e ser feliz no seu novo fogar”, afirmaban desde Proyecto Gato. A vaca, rebautizada agora como Zeltia, apareceu “abandonada” en Nigrán. Levaba dous meses soa nunha leira, consumíndose. Os últimos catro días non conseguía erguerse e esperaba deitada unha morte que non tardaría moito en chegar debido á desnutrición e á hipotermia que sufría.

“Pero en Nigrán hai xente bonita. Xente que se preocupou por Zeltia, que non pensou ‘É só unha vaca, non é asunto meu’ senón que se preocupou polo seu estado, que lle procuraron un refuxio improvisado sobre o leito do que non podía erguerse, que lle trouxeron comida e procuraron o seu benestar. Por iso agradecemos desde aquí enormemente á veciñanza que non pasaron por alto e fixeron patente que a vida das vacas tamén é importante”, destacan desde a Asociación Vacaloura.

“Todo o noso agradecemento tamén para Proyecto Gato e para o alcalde e concelleiro de Medio Ambiente de Nigrán, que se mostraron colaboradores en todo momento. O rescate non sería posible sen eles, especialmente sen Fátima que se implicou desde o primeiro momento e deulle as primeiras atencións a Zeltia cando Mario e eu non podiamos desprazarnos ata o lugar”, lembran desde a ONG.

Estas últimas semanas estivo baixo o coidado do equipo de Proyecto Gato ata que conseguiron que se foi recuperando aos poucos e fóra capaz de poñerse en pé por si mesma. A partir dese momento, comezaron a organizar a súa chegada ao santuario, onde recibiu a visita do seu veterinario, foi desparasitada e repetíuselle unha analítica para ver se os seus valores íanse normalizando.

“Ten unha ferida nunha das súas pernas. Está esquelética e o peor de todo… Ten unha cicatriz no medio da cabeza, entre os cornos, que para nós responde a un intento de golpe mortal, para desfacerse dela. Quizais a levaron a aquela leira para morrer porque o golpe non conseguiu o efecto desexado… rómpesenos a alma en mil pedazos só de pensalo”, lamenta a Asociación Vacaloura.

Zeltia ten 18 anos, pero comeza a vivir agora, e prometen que estes últimos anos da súa vida van ser mellores do que nunca puido imaxinar.