O alcalde de Gondomar, obrigado por lei a convocar o pleno extraordinario solicitado pola oposición

O pasado 9 de decembro todos os concelleiros da oposición de Gondomar asinaron unha petición de convocatoria de pleno extraordinario para tratar as mocións que quedaron pendentes de anteriores plenos, así como poder facer as preguntas e os rogos que cada grupo municipal considerase. O Regulamento Orgánico Municipal en vigor di: CAPITULO II.—DO PLENO ARTIGO 8……. A celebración da sesión extraordinaria a instancia dos membros da Corporación non poderá demorarse máis de 15 días dende que o escrito tivese entrada no Rexistro Xeral.

“Pois ben, por primeira vez na Historia Democrática de Gondomar e despois da negativa, por omisión, do Alcalde a cumprir co estipulado na Lei, tivo que ser o propio Secretario Municipal por imperativo legal quen convocase o pleno solicitado por todos so concelleiros da oposición. Un pleno que a día de hoxe está convocado para o vindeiro 18 de xaneiro. Paco Ferreira sube un chanzo máis o seu ton chulesco e despreciativo da democracia negándose a convocar un pleno extraordinario solicitado por todos os concelleiros da oposición”, lamenta Antonio Araújo.

“É coñecida por todos a alerxia que o Sr. Ferreira lle ten á veciñanza organizada –continúa o voceiro de Manifesto Miñor-, negándose a aprobar definitivamente o Regulamento de Participación Cidadá que durme o sono dos xustos nun caixón da Alcaldía, pero nunca pensamos que o seu desprezo pola democracia e sobre todo aos miles de gondomarenses que representamos os grupos da oposición (64 votos menos que o PSOE) chegara a tanto. En máis de 40 anos de municipalismo democrático e despois de pasaren 7 alcaldes pola Alcaldía de Gondomar, tivo que ser un suposto alcalde socialista que desprezase deste xeito o máximo foro de representación popular do noso Concello”.

Dende Manifesto Miñor pregúntanse cal é o motivo do pánico que lle produce ao Alcalde o control democrático dos grupos da oposición. “A non ser que oculte algo e prefira que non preguntemos. Nós cumpriremos coa nosa obriga de facer achegas para mellorar a vida da nosa veciñanza e de exercer o control democrático para o que fomos elixidos, pode estar seguro diso”.

Por este mesmo motivo Manifesto Miñor o pasado mes de decembro presentou perante a Valedora do Pobo unha queixa, que foi admitida a trámite, coa idea de frear estas prácticas, “pois non estamos dispostos a transixir con este tipo de actitudes e converternos en cómplices da degradación do sistema democrático a nivel local que tanto custou conseguir e alimentando a aparición de novos caciques con vellas prácticas políticas que pensabamos que estaban desterradas de Gondomar”, conclúe Araújo.