
Para coñecer de primeira man as necesidades das empresas situadas en parques de Zona Franca, esta mañá, o delegado do Estado, David Regades, visitou a empresa Nort3D, empresa de enxeñería situada en Porto do Molle.
Óscar García e Gonzalo Piñeiro, directivos desta empresa, explicáronlle a Regades que a actividade de Nort3D está enfocada ás tecnoloxías 3D con dous eixos de especialización, un na división médica e outro na industria da automoción. De feito, esta empresa forma parte da aceleradora BFA Business Factory Auto, desenvolvendo sistemas de suxeición mixtos para o movemento de pezas, baseados en tecnoloxía magnética e en fabricación aditiva. Tamén participa no programa de startups R, iniciativa composta por varias empresas galegas tecnolóxicas de recente creación e ten como obxectivo fomentar o seu crecemento.
Na súa expansión como empresa, recentemente, Nort3D integrouse en NM3 Dibérica, que acumula o know-how asociado ao deseño e desenvolvemento de produtos para diversos sectores de actividade como o da decoración, automoción ou aeronáutica.
Con esta nova tecnoloxía de impresión 3D, esta enxeñería está a traballar en próteses humanas aplicadas á odontoloxía e cirurxía.
O delegado comentou cos xestores da empresa que este ano será o momento en que vexamos o verdadeiro potencial da impresión 3D e a fabricación dixital en todas as industrias.