
No día de hoxe, a Asociación Veciñal Chandebrito 1807 vén de solicitar por escrito ante o Concello de Nigrán que se realicen os arranxos e melloras oportunas en varios viarios municipais da parroquia, amplamente solicitadas pola veciñanza e que teñen na maior parte dos casos a finalidade de evitar posibles danos e prexuízos aos usuarios das mesmas ao existir defectos que causan perigo.
En concreto, e de xeito resumido, as actuacións son as seguintes:
– Corrección de fochas na rede de sumidoiros na Estrada de Chandebrito.
– Modificar valo metálico e posta en rasante de muro localizados na estrada na Rúa da Igrexa 9.
– Arranxo de valo metálico na Estrada de Chandebrito, sito a uns 500 metros desde o límite con Coruxo.
– Adecuación de dous noiros situados na Rúa da Igrexa, que causan desprendementos.
– Substitución dunha superficie de 140 m2 de asfalto por empedrado na Rúa da Igrexa, entre os números 41 e 24, no lugar das Eiras, ao tratarse dun dos núcleos poboacionais máis antigos da parroquia e ao atoparse o pavimento actual moi deteriorado e con moitos parches de cemento.
– Pintado de dúas marquesiñas nas paradas de bus situadas na Rúa de Chandebrito.
– Arranxo de camiño entre a estrada de Pracíns e o lugar do Horto.
– Colocación de placas indicadoras estragadas dos viarios municipais Camiño das Pereiras e Estrada de Chandebrito.
– Arranxos na parcela municipal sita na R/Igrexa núm. 2, na que se localiza a antiga escola e parque infantil: tellado edificación auxiliar, cancela e peche do parque, pintado de paredes, reparación do piso. Remitiuse memoria valorada das obras que se consideran máis necesarias, que ascenden a un importe total de 5.521, 23 € (IVE incluído).
Algunhas das actuacións citadas anteriormente, en especial a primeira e a última, trátanse de reivindicacións realizadas por esta Agrupación desde hai varios anos, xa que o estado de conservación das instalacións referidas é deplorable, sen que polo momento fosen atendidas polo goberno municipal.