A Xunta concede unha axuda de 300.000 € a Gondomar para a adquisición da Casa Peralba

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concede unha axuda de 300.000 euros ao Concello de Gondomar do programa Fondo de Cooperación, para adquirir a Casa Peralba co fin de rehabilitala.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Gondomar, Juan Francisco Ferreira González, veñen de asinar telematicamente un convenio de colaboración que lle dará acceso a este municipio ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento para apoiar aos concellos de menos de 50.000 habitantes no financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

En concreto, a achega económica comprometida pola Xunta permitiralle ao Concello dispoñer deste orzamento para financiar facerse propietario deste inmoble, unha mostra interesante da arquitectura civil da vila, construída aproximadamente no ano 1919.

O conxunto está constituído por unha edificación principal destinada a vivenda principal e unha serie de construcións auxiliares e vivenda do servizo ou garda. A parcela de bastante amplitude e acondicionada, como complemento da vivenda; conserva un lavadoiro, un pombal, hórreo e franxas de terreo en socalcos con restos de columnas de pedra, para emparrados. Todo o conxunto constitúe un inmoble de gran interese para a súa posterior rehabilitación como equipamento municipal.