Podemos Baiona solicita a emisión dos plenos vía streaming

No pleno do pasado xoves aprobáronse os Orzamentos de 2021 para o Concello de Baiona, pero tamén ían a tratarse varios temas actuais de máxima importancia para as veciñas e veciños, entre outros a moción sobre o parque eólico proxectado na Serra da Groba (non se solicitou a declaración do espazo como ENIL), e axudas á hostalería, así como outro tipo de axudas de carácter social.

“Despois de agardar a que actualizasen a páxina web do Concello (cousa que agradecemos de novo), e de xa ter feito varias comunicacións e eventos a través dela, semellaba que ía facerse realidade a demanda cidadá de darlle maior transparencia ao portal na actividade pública, como xa solicitamos tamén noutras ocasións. Agora, aínda que dispoñen dos medios (xa non hai escusa), as cousas seguen a facerse mal, negándolle á veciñanza o acceso á información tratada no devandito pleno”, lamentan desde Podemos Baiona.

“Lembrámoslle ao Goberno Municipal que as sesións do Pleno son públicas e o seu acceso é un dereito de todos os cidadáns segundo recolle a Lei 7/1985 Reguladora de Bases de Réxime Local no seu artigo 70, e o Real Decreto 2568/1986, ROF, nos seus artigos 88 e 227. Dende o Círculo de Podemos Baiona entendemos que se teñan que tomar medidas de seguridade sanitaria debido ao COVID-19, pero que estas, non poden servir de escusa para proceder de xeito opaco e antidemocrático”, engaden.

Para Podemos Baiona o Regulamento de Participación Cidadá do Concello debe fomentar a participación democrática e a transparencia nos asuntos públicos locais, “cousa que agora parece esquecer tanto o PSOE como o BNG (de cando estaban na oposición)”. Polo anterior, solicitan que o Concello anuncie o día/hora do pleno, active unha canle de información para poder seguir en directo ditos actos, ben por vía dalgún medio/TV local (como se fai noutros concellos) ou por streaming, a través da páxina web do Concello, e publiquen a acta canto antes, poñendo a disposición da veciñanza de Baiona a información dos acordos que se aproben nestes plenos”.