Podemos Nigrán solicita un “ciberespazo” público para o uso dos escolares

O Círculo de Podemos Nigrán vén de rexistrar unha proposta para que se dote este concello dunhas instalacións propias con acceso a internet e material informático para a utilización por parte do alumnado que non teña acceso a internet ou dificultades en dito acceso dende os seus fogares. Dende a agrupación local din que “a declaración do primeiro estado de alarma debido á COVID-19 tivo como consecuencia o peche dos centros escolares de todo o país. Isto forzou a que os sistemas educativos migrasen á modalidade online de maneira inmediata e abrupta, o que deu lugar a un “ensino remoto de emerxencia”. Esta repentina migración da actividade docente do modelo presencial cara o online puxo de manifesto tres fendas: de uso, de acceso e escolar.

E engaden que “o primeiro peche dos centros educativos puxo en relevancia o acceso desigual a dispositivos dixitais e internet por parte do do alumnado. Non todas as estudantes puideron acceder a internet para seguir o curso escolar, nin todos os que accederon o fixeron en igualdade de condicións. Os efectos desta desigualdade á longa pode crear atraso nas clases e na aprendizaxe, falta de acceso a moita información e mesmamente abandono escolar. De aí nace a necesidade de crear este espazo no noso concello”.

Tamén ven que a longo prazo, a creación destas instalacións poderían ampliar e reconvertelas nun espazo de ocio saudable para a mocidade do concello, onde reunirse e organizar outras actividades que enumeran na súa proposta. Instan tamén na súa proposta a que o grupo de goberno solicite á Xunta de Galicia a cesión e uso de instalacións si o propio concello non dispón de lugares para poder situar este servizo, así como que se faga a contratación de persoal preciso para cubrir este servizo tanto de mantemento, limpeza e profesional TIC a través de bolsas de colaboración co INEM.