O PP de Gondomar entrega máscaras aos colexios públicos do municipio

O pasado mes de abril os concelleiros do Partido Popular de Gondomar anunciaron que os importes que ingresasen pola celebración de plenos durante o estado de alarma o entregarían a entidades que estaban colaborando na confección de máscaras para aliviar os efectos da pandemia do Covid-19. Para cumprir co anunciado, no mes de setembro o Partido Popular de Gondomar encargou a varias entidades a confección de máscaras para entregar nos colexios públicos de Gondomar, co fin de que sexan repartidas entre os seus alumnos.

Durante esta semana, Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar, estivo repartindo aos directores dos colexios do municipio estas máscaras encargadas, que foron complementadas con outras achegadas gratuitamente por estas entidades colaboradoras. Para facer fronte a esta compra os concelleiros do Partido Popular adiantaron as cantidades que cobrarán pola asistencia ao único pleno convocado polo alcalde durante o anterior confinamento.

Este reparto vén a sumarse ás 1000 máscaras infantís e 200 para maiores entregadas polo PP do Val Miñor a Protección Civil no mes de maio para o seu reparto entre os veciños da comarca, en colaboración cos voluntarios de #Yomepongoacoser.

Durante os actos de entrega, os directores agradeceron persoalmente a Paula Bouzós esta iniciativa, facendo extensible este agradecemento aos demais concelleiros do Partido Popular de Gondomar, que deste xeito cómpren co prometido durante os duros momentos do anterior confinamento.