Nigrán fornece de máscaras inclusivas a todo o profesorado e ao alumnado con necesidades especiais

O Concello de Nigrán dá un paso máis no seu proxecto “Un Nigrán para todos” fornecendo de máscaras inclusivas ao profesorado de todos os centros educativos do municipio e ao alumnado con necesidades especiais. Estes EPIS teñen a zona da boca en PVC transparente, o que permite a lectura de beizos e a transmisión de emocións, cuestión fundamental para a comunidade xorda pero tamén para o persoal educativo de determinadas especialidades. A inicios da pandemia o Concello de Nigrán foi pioneiro no país fornecendo deles á comunidade xorda da localidade e as súas persoas de contacto (neste caso foran donadas polo grupo #YoMePongoACoser, fundado, entre outros, por Nieves Comesaña, fabricante actual).

“Inicialmente pensamos no profesorado de Audición e Linguaxe, pero logo pensamos que tamén son necesarias para o profesorado de idiomas ou de infantil ou o de educación especial, igual que para o alumnado con problemas de audición e os seus compañeiros”, explica a edil de Educación, Marina Vidal. Así, serán entregadas ao longo da semana nos CEIP Humberto Juanes, Carlos Casares, Mallón, Da Cruz, Escola Infantil Dunas, CPI Arquitecto Palacios, A Galiña Azul, IES Val Miñor, Escolas Proval, CEE Juan María, CEE Panxón, Centro Menela-Castro Navás, Colegio Ángel de la Guarda e Colegio Estudio. O seguinte pedido do Concello será repartido entre persoal de residencias de maiores de Nigrán e de Axuda a Domicilio.

“Somos un municipio que aposta pola inclusión, o Covid-19 trouxo consigo barreiras físicas como as máscaras, imprescindibles para conter a pandemia pero que incomunican a moitas persoas e dificultan a transmisión de emocións, por iso desde o inicio apostamos polo emprego destes EPIS que, a moita honra, son un producto local”, engade o alcalde, Juan González.

Así, as 260 máscaras inclusivas foron adquiridas polo Concello á mercería Barrosiña, da nigranesa Nieves Comesaña e a súa filla Nuria, sendo unha das primeiras iniciativas empresariais en toda España na fabricación profesional das mesmas. Actualmente véndense a un prezo de 8 € a través da web http://www.mascarillasparasonreir.es e traballan para acadar a súa homologación tras obter xa a certificación das mesmas. “Son 100% algodón, lavables ata 40 veces a 60 grados e o PVC que empregamos foi analizado en laboratorios demostrándose que non supón ningún risco para a saúde”, explica Nieves. “O grupo que houbo de voluntariado #YoMePongoACoser regalounos durante o confinamento moitas máscaras inclusivas, agora temos a sorte de que Nieves continuase con elas como iniciativa empresarial, e estamos encantados de promover este produto en sí mesmo e de que sexa de Nigrán, tal e como recalca a etiqueta”, subliña González.

Concello inclusivo

O Concello de Nigrán foi pioneiro no 2019 en España xunto con Madrid en adquirir 6 mochilas vibratorias para que as persoas xordas poidan “sentir” a música nos concertos (e mesmo as cedeu a decenas de concellos e entidades para promover en Galicia a súa adquisición pública) e, ademais, no 2018 instalou no paneis dos parques infantís públicos o abecedario en lingua de signos. Todo este tipo de iniciativas son propostas a través dun equipo interdisciplinar integrado no proxecto municipal ‘Un Nigrán para todos’ adicado á plena inclusión.