Máis de 50 voluntarios patrullan polos montes de Gondomar

Máis de medio centenar de chalecos amarelos patrullan os montes de Gondomar co fin de disuadir a aqueles que traten de provocar lumes en zonas forestais. A peza reflectora é o seu selo de identidade e aínda que a priori poderíase pensar que se trata dun grupo organizado a realidade é ben diferente.

A iniciativa responde o reto viral lanzado a través das redes sociais polo portavoz de Manifesto Miñor, Antonio Araújo Quintas, que fixo un chamamento á unión despois de que o Concello desatendese as súas peticións para manter as patrullas ambientais dunha maneira coordinada, e que el mesmo creou en 2017 cando ostentaba o cargo de edil de Medio Ambiente durante o mandato que comezou co tripartito formado por Gondomar Concello Aberto, Manifesto Miñor e PSOE. “O problema está en que o actual alcalde desmonta todo o que non é da súa autoría e por iso non seguiu coa iniciativa, así que tomei a decisión de propoñer a súa reactivación de maneira independente”, explica.

No momento da súa primeira posta en marcha, tras os incendios de outubro de 2017, a agrupación contaba con 120 persoas adheridas, fronte ás 55 de hoxe en día, que de maneira organizada patrullaron os montes durante 2018 coa misión de avisar ás autoridades de calquera actividade sospeitosa que observasen durante os seus roteiros. Hoxe, a piques de cumprirse o terceiro aniversario dos incendios que azoutaron a comarca, tan só quedan os chalecos rotulados con “Voluntariado Medioambiental Concello de Gondomar” e as ganas de moitos veciños para frear os incendios forestais. A pesar de que non teñen nada que ver coa Administración, Araújo adiantou que seguirán utilizando as pezas “ata que nolas quiten” ao considerar que se trata dun bo elemento disuasorio. “Con elas asegurámonos de que nos ven ao pasar xa que coller a un pirómano infraganti é moi complicado”, engade.

A iniciativa é por tanto un fenómeno espontáneo aínda que cunha base fundada e os seus integrantes carecen de roteiros a seguir traspasando, algunhas veces, as fronteiras da vila condal. “Ás veces saen en parellas e outras de seis en seis, o importante é que os veciños teñen ganas de axudar”, asevera. Tan só teñen unha directriz que é a de non enfrontarse aos sospeitosos en caso de toparse de fronte con eles. Xa sexa a través de fotografías, mensaxes ou chamadas os integrantes deberán de poñer a situación en coñecemento dos Corpos e Forzas de Seguridade para que sexan eles quen actúe.