O BNG de Nigrán reclama unha ordenación dos recursos hídricos por parte da Xunta

A declaración da situación de alerta por escaseza de auga en Nigrán e Baiona revelou a feble posición de poboacións como Nigrán, que quedan a mercé da vontade do alcalde de Vigo para preservar o recurso de Zamáns para abastecer esta localidade e, mesmo se a situación do encoro de Baíña empeora, ao concello de Baiona.

A competencia e obriga da captación e ordenación dos recursos hídricos en alta é da Xunta de Galicia, e o BNG así llo reclama xa que, “igual que a cidade de Vigo non podería depender das decisións do Concello de Fornelos respecto do seu subministro de auga por atoparse o embalse de Eiras nel, o Concello de Nigrán e, eventualmente, o de Baiona, non poden quedar ao libre dispor de Vigo respecto da xestión do recurso do encoro de Zamáns”.

“Por outra banda, o relato interesado trasladado a través dos medios de comunicación quere situar a Abel Caballero como o salvador de Baiona e Nigrán, como se protagonizase un acto altruísta de apoio e axuda, cando a realidade é que os veciños de Nigrán pagan a prezo de ouro a auga que reciben de Vigo, fin ao que o pasado exercicio destinou o concello máis de medio millón de euros dos seus orzamentos”, sinala Xavier Rodríguez.

O BNG da comarca de Vigo xa fixou fai máis dun ano a súa posición respecto á xestión do ciclo da auga na área viguesa, que pasa necesariamente por un cambio de paradigma que a considere un ben escaso e que esixa un uso racional, en troques do tratamento de recurso case inesgotable que se dá na actualidade. “Isto comporta cambios no aproveitamento sostible da auga, na súa ordenación e incluso no modelo de tarifas e, por suposto, na súa xestión, contemplando a posibilidade de recuperar a súa xestión directa por parte do concello”.

Neste sentido cómpre lembrar que a concesión do abastecemento e saneamento exercida por Aqualia tanto en Nigrán como en Vigo atópase caducada e prorrogada en ambos concellos, “sendo cando menos esixible que se realice un novo concurso e non a prórroga automática da concesión”.

“Finalmente tamén queremos incidir na contradición que supón que mentres os gobernos municipais alertan sobre o nivel preocupante dos encoros, Juan González ten actuado como comercial da concesionaria promovendo a expansión da rede de abastecemento municipal en detrimento das captacións veciñais, integrando cada vez máis usuarios ao sistema ao mesmo tempo que se queixa da escaseza do recurso. Por iso o BNG forzou no mandato anterior unha modificación do plan de subvencións municipal que contemplara axudas ás comunidades de augas para o mantemento das súas captacións”, conclúe o Responsable local do BNG de Nigrán.