CEMMA traslada tranquilidade a usuarios do mar e navegantes ante a presenza das candorcas

Son moitos os navegantes que están consultando estes días se é segura a navegación, e o uso da costa, diante da presenza das candorcas. Dende a CEMMA transmiten aos usuarios do mar tranquilidade e queren informar das últimas investigacións sobre o seu paso.

As candorcas en paso polas augas de Galicia

As candorcas, Orcinus orca, son uns cetáceos pouco coñecidos en Galicia porque só están de paso un par de veces ao ano. Desta volta o seu paso está causando moito rebumbio polas interaccións comprobadas, tanto con barcos como cos encontros con surfistas.

Despois de varias interaccións con embarcacións, avaliadas pola CEMMA en tres casos diferentes durante unha semana, e tras varios avistamentos ao longo da costa, algúns mesmo nas praias, a CEMMA estima que o paso dos exemplares pola Estaca de Bares acontecerá nos vindeiros días. Ese podería ser o punto de inflexión no seu paso pola nosa costa.

A partir dese punto haberá que analizar se se adentran no océano ou seguen internándose no Cantábrico.

Aviso aos navegantes

Dende o pasado domingo Salvamento Marítimo está emitindo avisos polo paso das candorcas para evitar que as embarcacións realicen achegamentos que poidan desencadear interacción pola banda dos cetáceos.

Son moitos os navegantes que están consultando se é segura a navegación polas Rías Baixas a causa dos acontecementos, polo que ademais do seguimento que a CEMMA está a levar a cabo en diferentes puntos da costa para comprobar o seu paso, durante esta semana realizouse un control aéreo, dentro do proxecto VIRADA entre Oia e Ribeira, constatando a presenza de cetáceos, con 97 avistamentos, tanto de delfínidos, toniñas como de baleas, pero non foron observados grupos de candorcas.

Interacción

Insisten en cualificar os encontros das embarcacións como interaccións, de feito estanse inspeccionando os barcos para comprender mellor como se produciron e que tipo de contactos teñen en base aos indicios. Mentres a investigación estea aberta non se aportará máis datos respecto destes casos. Constituíuse un grupo de expertos internacional en cetáceos e candorcas, con grande coñecemento da casuística e comportamento da especie, que están analizando detalladamente os casos e a CEMMA está en contacto permanente con SOS-Galicia, Salvamento Marítimo, Ministerio de Transición Ecolóxica e Xunta de Galicia para recompilar toda a información, recomendar e consensuar actuacións. A información que utilizarán os expertos baséase na base de datos que dispón a CEMMA con máis de 180 rexistros de varamentos e avistamentos da especie nas costas do Norte e Oeste Ibérico dende principios do século XX.

Desprestixio sobre unha especie protexida

Desde a CEMMA lamentan o cualificativo imposto por diversos medios de comunicación que xulgan uns feitos e o comportamento duns animais salvaxes pertencentes a unha especie protexida, sen o suficiente coñecemento de causa e á lixeira, sen atender as consecuencias que isto pode ter a nivel de percepción social.