Nigrán inaugura unha exposición que analiza as pegadas das culturas galega e escandinava en ambos os dous territorios

O Auditorio de Nigrán acolleu hoxe, luns 31 de agosto, a inauguración da exposición “Galicia Escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela”, unha mostra que analiza as pegadas das culturas galega e escandinava en ambos os dous territorios. A exposición está organizada pola Fundación Carlos Casares e o Concello de Nigrán no marco das actividades do programa “O teu Xacobeo”, da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. No acto estivo presente o Alcalde de Nigrán, Juan González, a concelleira de Cultura, Nuria Lorenzo, membros do goberno e o comisario da mostra e Director da Fundación Casares, Gustavo Adolfo Garrido.

O eixo central da mostra é, precisamente, a relación dos países escandinavos: Suecia, Noruega e Dinamarca e os seus antigos territorios –Islandia, Illas Feroé e Orcadas- con Galicia a través do Camiño de Santiago. Así, a través de numerosos paneis, explícase a historia e o desenvolvemento dos roteiros xacobeos cara a capital galega, mostrando os seguintes aspectos: fitos singulares, puntos emblemáticos da xeografía, patrimonio material e inmaterial, etc.

A exposición ten un significado especial polos lazos que uniron a Carlos Casares con Suecia, a través da súa muller Kristina Berg, primeira presidenta da Fundación Casares.

“O Camiño de Santiago é desde hai uns anos unha gran oportunidade para Nigrán e máis cando 2021 é Ano Santo Xacobeo, o número de camiñantes que atravesan o noso municipio multiplícase ano a ano e, se as condicións sanitarias permíteno, o 2021 será a gran eclosión deste Camiño pola Costa. Polo que con esta exposición poñeremos en valor outros Camiños a Santiago e da man da Fundación Carlos Casares, grandísimo escritor e veciño do barrio de Vilariño en Nigrán, polo que a mostra ten moito de cultural, de económico e de turístico pero tamén de sentimental, xa que Carlos Casares para Nigrán é moito máis que un dos mellores escritores da historia de Galicia”, declara Juan González, Alcalde de Nigrán.

A mostra está dividida nos seguintes módulos temáticos: da violencia á peregrinación; a orixe das peregrinacións; os roteiros escandinavos a Compostela; Galicia nos países escandinavos e homenaxe a Vicente Almazán. A exposición contará, ademais, cun pequeno vídeo resumo que os visitantes poderán visionar como complemento aos paneis.

As persoas interesadas poderán achegarse ao Auditorio de Nigrán a visitar “Galicia Escandinava” ata o 19 de setembro. A mostra estará dispoñible de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas e abrirase polas tardes baixo demanda escribindo un correo a turismo@nigran.org.2020-08-31 - CARTEL GALICIA ESCANDINAVA