Os logopedas do Álvaro Cunqueiro atenderon aos pacientes con Covid19 nas unidades de críticos

Os logopedas do servizo de Rehabilitación do Chuvi foron os únicos de Galicia que atenderon aos pacientes con Covid-19 nas mesmas Unidades de Críticos durante a fase aguda da pandemia. O obxecto desta intervención foi valorar a disfaxia nestes pacientes (dificultade para tragar) e a viabilidade de pasar á alimentación oral.

A disfaxia é unha secuela relativamente común nos pacientes intubados, con respiración asistida, e canto máis longo é o tempo de intubación máis alto é o risco de padecela. Segundo explica o logopeda Javier Bueno “temos deseñado un protocolo de actuación é unha vez os pacientes son extubados ou descanulados (retirar a cánula de traqueostomía) valoramos na mesma UCI as súas dificultades na deglutición para dar o salto da alimentación enteral ou parenteral á dieta oral” .

Terapias para exercitar a musculatura

Así, os logopedas realizan unha valoración de adaptación á dieta – elixindo a textura axeitada para que poidan tragar- e un estudo sobre a conveniencia de modificar o posicionamento ou hixiene postural do paciente para mellorar a súa deglutición.

Naqueles enfermos que superaron a fase máis critica, se lles realizan terapias orientadas a reforzar a función da musculatura da deglutición, para que poidan ser capaces de controlar todos os tipos de texturas e alimentos. “Trátase dunha exercitación muscular progresiva que esixe dun esforzo do paciente para a realización de exercicios de musculatura lingual e suprahioidea -por encima da larinxe-. Algúns dos exercicios van dirixidos a mellorar a propulsión do alimento e outros a favorecer o peche da vía respiratoria, diminuíndo o risco de aspiración do alimento”, afirma Javier Bueno.

Polo de agora, os logopedas levan tratados a unha decea pacientes con Covid19 nas mesmas Unidades de críticos. Ademais, á maioría dos críticos dados de alta, se lles continúa realizando as terapia unha vez ingresados en planta.

Segundo explica Javier Bueno, “os resultados son moi positivos xa que a totalidade dos pacientes que tratamos foron dados de alta xa con dieta oral. Temos constatado que cunha actuación dos logopedas axeitada e adaptación da dieta os pacientes progresan e evolucionan mais rapidamente”.

Ademais, unha intervención precoz é fundamental para evitar complicacións a nivel respiratorio xa que unha mala deglutición pode dar orixe a cadros máis severos como broncoaspiración e pneumonías.

Medio millar de pacientes atendidos

O Chuvi conta con 5 logopedas que asisten a pacientes ambulatorios e ingresados, tanto adultos como nenos. O pasado ano atenderon a mais de 500 pacientes hospitalizados, a maior parte deles con dificultades na deglutición, se ben tamén abordan os problemas da linguaxe, fala e voz. En torno a 70 destes enfermos foron atendidos nas unidades de críticos.

Moitos destes pacientes presentan alteración neurolóxicas tales como ictus ou patoloxías neurodexerenerativas, aínda que tamén é habitual a súa intervención en enfermos con cancro, patoloxías respiratoria ou traumatismos craneoencefálicos…

Aproximadamente un terzo dos doentes conseguiron a recuperación funcional destes problemas durante o ingreso hospitalario, non requirindo de ningunha intervención posterior.

Anuncios