Voluntarios retiran 50 quilos de lixo do río Zamáns en Vincios e Vilaza

Voluntarios de Proxecto Ríos fixeron na mañá deste sábado a prospección de primavera en diferentes treitos do río Zamáns nas parroquias de Vincios e Vilaza (Gondomar). Este ano, por mor das circunstancias que estamos a vivir, adiouse un mes esta xornada de inspección e vixilancia para avaliar o estado de saúde dos cursos fluviais. Fixéronse recollidas e mostras para avaliar a calidade hidromorfolóxica (diversidade de hábitats, bosque de ribeira e réxime de caudal), a calidade fisicoquímica da auga (temperatura, ph, nitratos e osíxeno disolto) e a calidade biolóxica (sondaxe de macroinvertebrados e avistamento ou pegadas de mamíferos, aves, peixes e calquera animal relacionados co medio fluvial).

Así mesmo, os voluntarios tomaron nota das plantas invasoras que tanto dano fan aos ecosistemas ribeireños, e diferentes incidencias derivadas da man do home que provocan danos na paisaxe, como talas, entullos etc. Recolléronse 50 kg de lixo, principalmente plásticos, moitos deles procedentes das cunetas nas estradas que están paralelas ao río.

Estas xornadas véñense realizando dúas veces o ano (outono e primavera) desde o ano 2006 ininterrompidamente en diferentes espazos fluviais do concello de Gondomar, así como diferentes actividades noutros formatos: charlas a diferentes colectivos, exposicións, proxeccións documentais, xornadas de limpeza, etc.

Os voluntarios fan un chamado á poboación en xeral para concienciala sobre a nosa relación co medio natural máis próximo e a situación que nos toca vivir nestes momentos, na que tamén estamos en emerxencia ambiental desde fai moito tempo. “Cunha sociedade máis educada en valores sociais e ambientais, preocupada polo común e orgullosa do patrimonio, será máis doado afrontar e resolver problemas tan graves como o que estamos a vivir”, afirman.

Anuncios