A Garda Civil intensificou os controis de mobilidade interprovinciais durante esta fin de semana

O Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra intensificou esta fin de semana os controis de mobilidade interprovincial.

Establecéronse dispositivos para o control das medidas decretadas para a xestión da crise sanitaria do COVID-19 nas principais vías de comunicación da provincia, en zonas próximas aos límites coa Coruña e Ourense, e nos accesos a grandes núcleos de poboación ou zonas turísticas.

Aínda que se observou un cumprimento xeneralizado das normas establecidas, tamén se detectaron algunhas situacións irregulares de desprazamentos non autorizados interprovinciais e viaxes nos que os ocupantes dos vehículos de motor non cumprían coas obrigacións sanitarias como o uso de máscaras.

Na fase actual, as persoas que residan nunha mesma vivenda poden desprazarse nun mesmo vehículo sen máis limitación que as prazas para as que estivese homologado o coche. No caso de que os ocupantes non fosen conviventes, deben facer uso de máscara e como máximo, poden viaxar dúas persoas por fila de asentos, gardando sempre a maior distancia de seguridade posible para así evitar o contaxio do virus.

Como resultado do operativo, efectuáronse polas distintas patrullas do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra un total de 70 denuncias administrativas á Lei Orgánica 4/2015 de Seguridade Cidadá.

Desde o inicio da crise sanitaria do Covid-19, compatibilízase a vixilancia e control do tráfico coa detección de condutas non axustadas ao establecido polas autoridades sanitarias.

Anuncios