A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, renovará os convenios de colaboración con 14 entidades dedicadas á atención de alumnado con discapacidade co fin de contribuír ao financiamento da prestación do servizo de comedor adaptado durante o curso 2020/2021. O investimento total ascenderá a 203.555,46 euros e desta actuación beneficiaranse 478 alumnas e alumnos.
Entre as entidades coas que se renova a colaboración, segundo o aprobado hoxe polo Consello da Xunta, están a Asociación A Esperanza do Val Miñor, que xestiona o Centro Juan María de Parada, e a Fundación Menela, que xestiona o Centro Castro Navás de Priegue.
Ao abeiro desta colaboración, as devanditas asociacións comprométense a facilitar ao alumnado discapacitado a utilización do comedor escolar, asumindo a súa atención e coidado durante o período comprendido entre o fin das clases e o remate do servizo de comedor. Cómpre salientar o carácter didáctico que para estas persoas supón un comedor escolar, no referido á aprendizaxe de habilidades que redunden nunha maior autonomía persoal e, polo tanto, nunha maior inclusión.
A Consellería compensará cada trimestre ás entidades e asociacións polos gastos derivados da colaboración mutua na prestación do servizo de comedor escolar, coa cantidade global que resulte de multiplicar 2,40 euros ou 2,37 euros (en función do número de usuarios) polo número de días da prestación efectiva de comedor e polo número de alumnas/os con discapacidade escolarizados por ditame de Administración Educativa.
Estes acordos enmárcanse no compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa atención á diversidade do alumnado galego, garantindo o acceso á educación dun sector da poboación escolar galega que require una atención específica e preferente.

