O PP de Gondomar doará as asistencias a plenos a entidades que colaboran na fabricación de máscaras

Os concelleiros do Partido Popular de Gondomar acordaron que os importes que ingresen pola celebración de plenos durante o estado de alarma serán entregados a entidades que están colaborando na confección de máscaras para aliviar os efectos da pandemia do Covid-19.

O pasado 4 de abril o alcalde anunciou que o Concello de Gondomar poderá celebrar os plenos e comisións telemáticamente, polo que o Partido Popular agarda que en breve sexan convocados para a celebración do pleno de abril, toda vez que o correspondente ao mes de marzo non se celebrou pola falta de secretario municipal.

Dende que se decretou o estado de emerxencia sanitaria os concelleiros do Partido Popular puxéronse a disposición do goberno municipal para colaborar en todas aquelas tarefas que considerasen sen que ata o de agora foran chamados en ningún momento. Presentaron ademais por rexistro ao alcalde varias medidas a aplicar durante o confinamento para mellorar e axudar no posible a situación dos veciños de Gondomar nestes duros momentos que nos toca vivir. Entre as suxestións que o PP gondomareño fíxolle chegar ao alcalde están algunhas das que xa aplicou, como son: ampliar as desinfeccións aos colexios públicos, edificios municipais e zonas de actividade comercial, peche dos cemiterios municipais, creación dunha aplicación gratuíta para que os nenos das escolas deportivas e os maiores de ximnasia poidan realizar exercicios nas súas casas, posta en marcha dun servizo gratuíto para a descarga e impresión das tarefas escolares a aquelas familias que non o poidan facer nos seus propios domicilios.

Tamén achegaron outra serie de accións que consideraron necesarias como a colaboración coas asociacións sen ánimo de lucro (centros culturais, clubs de fútbol, asociacións de veciños,…) que teñan locais para a súa desinfección, creación dun grupo de voluntarios para a colaboración coas persoas máis vulnerables, dotar de máis teléfonos para o contacto dos veciños coa administración local, supresión e devolución de oficio das taxas das actividades municipais polas actividades que non se puideron realizar durante o tempo no que se atopen suspendidas, creación dunha liña de axudas para os autónomos que se viron obrigados a paralizar a súa actividade comercial/laboral con motivo da declaración de alarma sanitaria, devolución de oficio da parte proporcional das taxas vinculadas ás actividades económicas, aplicación dunha moratoria ata o mes de setembro no pago de taxas e tributos que estiveran pendentes de pago ou en período voluntario, bonificación dos impostos do IAE e do IBI, suspensión da taxa de axuda no fogar durante a pandemia, precintado de todas as fontes públicas e pulsadores de auga potable, convenio cos taxistas de Gondomar para o servizo de axuda a persoas dependentes ou de especial vulnerabilidade durante a situación de alarma para a achega aos domicilios de alimentos, medicinas e produtos de primeira necesidade ou a creación dun servizo municipal de información e asesoramento a autónomos e comerciantes sobre as axudas e medidas económicas decretadas polos organismos públicos (Deputación, Xunta de Galicia e Estado).

“Todo o que poidamos aportar cada un de nos é importante, e pido aos veciños que na medida do posible colaboren quedándose na súa casa, que é a mellor acción que podemos facer para erradicar esta pandemia”, remata dicindo a voceira do Partido Popular de Gondomar.