Carmen Abizanda presenta o seu libro “A solas conmigo” en Baiona

Este xoves 4 de outubro, ás 20:00 horas no Salón de Actos do Centro Sociocomunitario de Baiona (Rúa Dolores Agrelo, 16 – á beira do Pavillón de Deportes), a escritora Carmen Abizanda presentará o seu libro «A solas conmigo», unha novela case autobiográfica que narra a loita contra a enfermidade e o descubrimento dun mesmo.

“A solas conmigo” é a historia dunha muller que se enfronta a un cancro. A enfermidade vaille desvelando cousas de si mesma e colócaa ante un modo novo e insospeitado de ver a vida. O tratamento contra o cancro convértese nunha batalla que ha de librar en dúas frontes a un tempo: o da loita contra a enfermidade e o do descubrimento da súa propia realidade como ser humano. Alicia atopa a partir da enfermidade, un novo lugar, o que desde entón ha de ocupar a súa soidade acompañada.

Carmen Abizanda. Profesora de Literatura Dramática na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD). Obtén o título de Doutora pola Universidade da Coruña en 2013, tras superar estudos de doutoramento no Departamento de Filoloxía Española e Latina, cunha tese sobre a obra dramática de Juan Mayorga. A súa formación e experiencia profesional repártese entre o xornalismo, a interpretación e a dramaturxia. Licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid e Titulada Superior en Dirección de Escena e Dramaturxia pola Escola Superior de Arte Dramática de Madrid (RESAD). Publicou obras teatrais como “La otra orilla” e “Veo, veo” e tamén pezas breves como “Adictos a la luz”, “Si cierras los ojos” ou “Un hilo de lana roja”. Durante o seu período de formación en dramaturxia foi alumna de Ricardo Doménech, Juan Mayorga e Luís Landero, entre outros.

Anuncios