A Área Sanitaria de Vigo incorpora máis de 200 novos efectivos

Á Área Sanitaria de Vigo vén de contratar a 80 profesionais sanitarios para as residencias de maiores e centros sociosanitarios co obxecto de facer fronte á pandemia do COVID-19. Esta actuación realízase ao amparo da tutela que asumiu a Xunta de Galicia sobre estes centros, tanto públicos como privados, durante a actual alerta sanitaria.

Trátase dun batallón de 4 médicos, 26 profesionais de enfermaría, 42 Técnicos de Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAEs) e 8 alumnos de Enfermaría que xa están prestando asistencia en cinco destes centros. Este persoal destinouse a DomusVi Vigo, DomusVi Cangas, as Residencias de maiores de Crecente e Moledo, e ao Centro de Atención ás persoas discapacitadas de Redondela.

Desde o Servizo Galego de Saúde quérese enviar unha mensaxe de esperanza aos residentes destes centros e ás súas familias, e reiterarlles que “teñan confianza na protección das administracións públicas”. Tal e como afirma a directora de Recursos Humanos da Área Sanitaria de Vigo, Ana Comesaña, “o sistema público de saúde está realizando un esforzo organizativo e de contratación sen precedentes, non imos escatimar recursos, e poremos todos os medios necesarios para garantir a atención e coidados dos nosos maiores; deben saber que non os imos deixar solos, e que acudiremos a calquera centro que precise da asistencia dos profesionais sanitarios do Servizo Galego de Saúde”.

Hai que lembrar que Área Sanitaria de Vigo realizou unha análise da situación sanitaria dos residentes ingresados nos centros da terceira idade e nos centros sociosanitarios desta área. Así, equipos de atención primaria, compostos por médicos/as de familia e persoal de enfermaría, visitaron estes centros -un total de 71 con 4378 residentes- co obxectivo de avaliar, in situ, a situación sanitaria de cada un deles.

A partires desa visita presencial estableceuse un circuíto de comunicación para realizar un seguimento dos posibles casos sospeitosos, das medidas que se aplican en cada un dos pacientes, do tratamento preciso e, de ser necesario, da coordinación co servizo de Medicina Preventiva para realizar a toma de mostras.

Ademais, vén de constituírse un novo equipo COVID Residencias, liderado polo servizo de Xeriatría do Chuvi, para coordinar co persoal sanitario de Povisa e Atención Primaria a atención sanitaria da poboación residente neses centros.

Reforzo de 200 profesionais

Neste senso, hai que subliñar que tamén contratouse a 133 novos profesionais para reforzar os efectivos dos centros de saúde e hospitais. Son 9 médicos de diferentes especialidades, 56 profesionais da enfermaría, 34 TCAEs, 16 celadores, 9 auxiliares administrativos e PSX (persoal de servizos xerais), 5 Técnicos de Laboratorio, 1 Técnico superior en Prevención de Riscos Laborais, 1 Técnico de Farmacia e 2 condutores.

En total, a Área Sanitaria de Vigo acaba de incorporar aos seus cadros de persoal a 201 novos efectivos -133 nos centros sanitarios e 80 nas Residencias- reforzando así equipos de xeito que se poida facer fronte á pandemia do COVID19 con garantías.