A Área Sanitaria de Vigo iniciará o uso de plasma con anticorpos de pacientes curados contra o Covid-19

Un informe recente da OMS indica que os primeiros resultados co uso de plasma de convalecente (CP) suxiren que puidera ser unha modalidade de tratamento potencialmente útil para o COVID-19.

Neste contexto, o Ministerio de Sanidade vén de autorizar o inicio de contactos con pacientes, que habendo superado a enfermidade do COVID-19, puideran ser candidatos á doazón de plasma a través dos servizos hospitalarios de Hematoloxía.

Así, o servizo de Hematoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo iniciará nos próximos días a selección de posibles doadores no marco dunha serie de recomendacións sobre os criterios mínimos de seguridade e calidade que se deben cumprir para a obtención de plasma de doador convalecente, e baseadas nas seguintes premisas: a seguridade do doador, a seguridade do persoal sanitario involucrado no proceso e a seguridade e calidade do produto obtido.

Os pacientes que xa estiveron contaxiados polo COVID-19, presentan inmunidade contra este virus. Dispor do plasma destes pacientes permitirá a súa administración a pacientes coa enfermidade en activo, para axudarlles na súa recuperación.

Polo de agora, o servizo de Hematoloxía, en colaboración co Servizo de Microbioloxía, está en fase de selección dos pacientes que habendo superado esta enfermidade teñen altas taxas de anticorpos xerados fronte ao virus. Este proceso requirirá, para o seu procesado, da colaboración tamén da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS).

Segundo afirma a xefa do servizo de Hematoloxía do Chuvi, Carmen Albo “tense constatada a eficacia deste tratamento noutro tipo de pandemias producidas por virus como o coronavirus SARS ou o ébola. Por isto, estamos moi ilusionados e esperanzados en que esta nova terapia resulte eficaz e nos permita dispor dunha nova arma na loita contra esta pandemia”.

Anuncios