A Xunta poñerá a disposición das familias con menos recursos dun ordenador e unha conexión á Rede

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe tralo Consello da Xunta as medidas que se porán en marcha para reforzar os recursos online durante a crise do coronavirus, entre as que destacou a posta á disposición de 1.000 familias, con menos recursos, dun ordenador e unha conexión á Rede, que será gratuíta grazas á colaboración dos operadores R, Vodafone e Orange. Ademais contarán co Soporte Premium, que lles permitirá resolver dúbidas e incidencias.

Esta medida será para alumnado de secundaria, bacharelato e Formación Profesional, que recibirán os equipos a través dos centros.

Así mesmo, porase á disposición de máis de 33.000 docentes do ensino galego unha plataforma de videoconferencia, coa que poderán interactuar co alumnado e familias, e, polo tanto, impartir clase en tempo real. E darase máxima visibilidade no Portal Educativo a un espazo que reunirá as principais ferramentas tecnolóxicas á disposición da comunidade educativa para organizar o seu traballo.

Logo de resaltar que a partir da próxima semana tamén se incluirán videotutoriais para explicar o uso das ferramentas, Feijóo aseverou que tamén se habilitará o acceso aos recursos dixitais editoriais de E-dixgal.

En relación á FP, porase á disposición materiais didácticos, procedente do banco de recursos elaborado polo propio profesorado no marco de licencias de formación convocadas nos últimos 8 anos -con material de 60 ciclos diferentes e 140 módulos profesionais e 21.334 horas de formación curricular-. E tamén se porán en aberto todos os materiais utilizados na modalidade de FP a distancia en Galicia, que inclúe 34 ciclos e 37.757 horas de formación curricular.

Cómpre lembrar que, entre profesores e alumnos, estes días son entre 75.000 e 80.000 os usuarios diarios das plataformas de contidos da Xunta.

Anuncios