Todo preparado en Baiona para celebrar a vixésimo quinta Festa da Arribada

Baiona presentou este venres nos xardíns da Casa da Navegación a vixésimo quinta edición da Festa da Arribada, na que se conmemora o 527 Aniversario da chegada da Carabela Pinta. Será os próximos días 28 e 29 de febreiro e 1 de marzo, nos que a Vila se transforma nun burgo medieval coa algarabía de mercadores e comerciantes, artesáns, trobadores e xograres, cunha infinidade de actividades lúdicas e recreativas que se poñen ao alcance de todos, facendo a veciños e visitantes protagonistas e celebrando un dos seus capítulos históricos máis gloriosos.

A concelleira de Cultural, Miriam Costas, destacou que se trata dunha festa “que celebramos ao grande desde que somos conscientes da transcendencia que supuxo para a Vila de Baiona a noticia da existencia dun novo continente, América, sendo o primeiro porto da Europa occidental en ter coñecemento de tal acontecemento”.

No Real Mercado Medieval participarán 69 postos individuais de venda de artesanía que estarán situados no casco antigo, 68 postos propios de comida e artesanía na rúa Marqués de Quintanar e Santa Liberata, 29 postos de establecementos da Vila que ocupan a fachada do seu propio negocio, 14 asociacións gremiais situadas en Santa Liberata, 25 postos de artesáns e oficios tradicionais e 6 Paradas dos Pobos Irmáns (Palos de la Frontera, Santa Fe de la Vega de Granada, Pornic, Vila do Bispo e Baiona), todos eles con produtos típicos das súas zonas.

O vindeiro venres 27 de febreiro terá lugar no Salón Medieval do Parador de Baiona o I Foro Iberoamericano Cuba-España-Galicia-Baiona, no que contarán coa presenza de destacadas personalidades económicas e financeiras do país cubano, España, Galicia e Baiona.

Como arranque da Festa, o venres 28, festivo local, celebraranse os actos protocolarios da Arribada no Parador de Baiona, e a inauguración das exposicións temáticas “Explorando as costumes da Hispania Medieval” de Jose Valtierra no Hall do Concello e “Sardiñas, potas, pantrigo e sal, mercaduría real: A vida nos mercados” do historiador Anxo Rodríguez Lemos, que se poderá gozar na Capitanía Marítima durante os días da festa.

O venres pola tarde os máis pequenos poderán gozar da zona lúdica infantil situada no Parque da Palma, onde atoparán todo tipo de xogos ecolóxicos como os arbofun: ponte mono, rappel, paso do oso e equilibrios diversos. Os máis valentes terán a tirolesa e a rampla tubbing. Haberá tamén as atraccións medievais de madeira como a noria, barca pirata, baqueta, troncomóbil, carrusel e cadeiras voadoras.

Con respecto ás exposicións de animais que se veñen desenvolvendo na Festa da Arribada nas últimas edicións, o Concello de Baiona quere apostar polo benestar animal, dando un xiro con respecto a este tipo de mostras e como novidade este ano queren poñer en valor a raza autóctona do cabalo galego do Monte da Groba, cun recuncho dedicado á devandita especie chamado “Establo Medieval”, que grazas ao proxecto de Finca Moreiras de Oia, poderase gozar no Parque da Palma, cun conxunto de actividades relacionadas con estes equinos. Haberá unha mostra etnográfica dos apeiros e utensilios de labranza e transporte utilizados polo home na súa relación co cabalo ao longo da súa historia. Ao seu lado, contemplaremos unha forxa típica na que se mostrará o oficio artesán de ferrar os casos dos animais. Dispoñerase tamén dun espazo chamado “Bautismo Hípico”, onde os mozos e mozas que queiran interactuar cos cabalos poderán asealos, peitealos, darlles de comer e subirse a eles, dando un pequeno paseo pola Praia da Concheira. “En definitiva, a idea é que os nosos visitantes teñan un contacto directo coa intención fundamental de dar a coñecer esta raza cabalar que sobrevive nos nosos montes e que está en perigo de extinción, realizando un labor divulgativo e de concienciación”, resaltou Miriam Costas.

A mostra etnográfica do “Alpendre dos Bois” mostrará a vida do Boi en Galicia. Carros, arados, apeiros de labranza e instrumentos agrícolas de diversa índole, así como a presenza de diferentes razas de bois nun recinto adaptado a estes animais no Parque da Palma. Haberá 3 bois de raza maronesa, 2 de raza alistanos-sanabreses, 1 boi de raza barrosa e 2 becerros de raza cachena.

A Concellería de Cultura mantén as actividades que tanto éxito tiveron nas edicións anteriores como a Alameda dos Aprendices, onde os máis pequenos farán gravados de madeira, ourivaría, cerámica, repuxado de coiro, escritura gótica, acuñación de moedas, bordados e costura, tapices de época, lacrado, etc. Tamén a zona de Playmóbil Medieval, na rúa Carabela Pinta, que amplía o seu recinto con castelos, piratas, bucaneiros, príncipes e princesas, damas e cabaleiros e multitude de personaxes cos que xogar, soñar e facer as delicias dos máis pequenos. Finalmente os Ludopuzles, quebracabezas de madeira con xogos tradicionais de toda a vida.

Outra novidade da festa será o espazo dedicado aos obradoiros de circo “Xogacirc”, tamén na rúa Carabela Pinta, onde aprenderán as habilidades motrices dos acróbatas de circo, como as bólas malabares, o prato chinés, diábolos, cariocas, zancos de man e pé, hulahops, monociclos, pedais, rulos de equilibrio, etc.

Veciños e visitantes tamén poderán visitar as exposicións de “Encaixes de Bolillos” e dos “Labores de Calceta” das mulleres da Vila no Viveiro de Empresas situado na Rúa do Reloxo.

Non faltará a animación co Grupo de Gaitas “A Seneira”, os pasarrúas de zancudos e percusionistas de Troula Animación e as actuacións circenses de maxia, danza e lume do grupo portugués Malatitsch. Sen esquecernos da cetrería, a xusta medieval, o tiro con arco, as contendas de esgrima ou o adestramento de cabaleiros.

Para rematar co feito histórico por excelencia, a representación da obra “Arribada do Descubrimento”, escrita polo profesor e historiador Avelino Sierra e dirixida por Mónica Sueiro, cun reparto de actores, actrices e figurantes, coa dificultade que ten o feito de representala en directo no mesmo escenario que hai 527 anos. Ademais contará con interpretación en lingua de signos.

Pola súa banda, o alcalde, Carlos Gómez, destacou a supresión dos fogos artificiais, “contraproducentes para persoas con diferentes discapacidades”, e a posta en marcha dun “Punto Lila”, que se encargará de informar e concienciar para que todos e todas gocen dunha festa libre de agresións. O rexedor fixo fincapé en que o obxectivo do goberno local é que a Festa da Arribada non se limite a unha celebración de fin de semana e que sexa un evento que creza ao longo do ano. “Necesitamos divulgar a importancia histórica e cultural da nosa vila e non só durante a festa. Que todas as persoas que nos visitan saiban, con só pisar Baiona, que non somos un pobo máis, que somos un pobo cunha historia única e que de aquí partiron as noticias que informaron o mundo da existencia dunha terra descoñecida”.

Gómez asegurou que a Festa da Arribada non é un evento do Concello, “é un evento do pobo de Baiona, no que veciños e veciñas son parte fundamental. O son hoxe e fórono sempre”. “Hai 25 anos os veciños e veciñas de Baiona comezaron a conmemorar este feito histórico cunha pequena festa e foron eles e elas os que, ano tras ano, coa súa participación e colaboración, conseguiron que a Festa da Arribada sexa o evento que é hoxe, un evento que reúne a miles de visitantes e unha das 9 festas de interese turístico internacional que hai en Galicia”.

A presentación finalizou cunha demostración de como se elaboraba o pan tradicional seguindo unha receita sacada do forno dos Clérigos, co mestre obrador Alberto Gándara de Tu-Pana e Anxo Rodríguez Lemos, historiador que introduciu aos asistentes na historia do pan do formo dos Clérigos, para rematar cunha degustación dos doces típicos da Arribada, “Os Ñoclos de Pinzón” e “As Tortas de Sarmiento”.

PROGRAMA DA FESTA DA ARRIBADA EN GALEGO

PROGRAMA DA FESTA DA ARRIBADA EN CASTELÁN