Nigrán renova os colectores de Pracíns en Chandebrito

O Concello de Nigrán aposta por preservar as traídas de augas veciñais investindo naquelas que desexan manter de cara ao futuro este servizo básico para as parroquias de Camos e Chandebrito, onde o abastecemento municipal non cubre o 100%. Así, considerando que as novas regulacións sanitarias ou fin de concesións obrigan á maioría das comunidades existentes a emprender obras nas súas instalacións e tramitar documentación, o Concello investiu 55.000 € para contribuír neste propósito. Actualmente estase a traballar na renovación dos colectores de Pracíns e na instalación do clorador en O Castro, ambas en Chandebrito, onde non existe ningún abastecemento municipal. Previamente o Concello colaborou coas traídas de A Rotea e Piñeiros (as dúas en Camos). En todos os casos manifestaron nas súas respectivas asembleas o seu interese en manter o subministro de cara ao futuro e de recibir para elo a axuda do Concello.

En concreto, na comunidade de Pracíns, que dá servizo a 34 fogares, o Concello iniciou esta semana a substitución de 600 metros de tubaxe con conexión directa á súa captación, o que permitirá mellorar o servizo e que non sufran as habituais secas do verán, igualmente, realizóuselles unha memoria para poder proceder á súa regularización sanitaria e da propia concesión. Paralelamente e na mesma parroquia, o Concello está a traballar coa de O Castro para instalar un clorador (previamente renovárase o peche perimetral, instaláranse mosquiteiras e sinalización axeitada).

“As traídas de Camos e Chandebrito dan servizo ancestralmente a máis de 200 fogares aos que aínda non chega o abastecemento público, polo que consideramos que é deber do Concello compensalas garantindo a súa continuidade e seguridade sanitaria”, explica o alcalde, Juan González, quen o ano pasado mantivo un encontro con representantes das 7 comunidades de augas existentes na localidade (3 delas en Chandebrito e 4 en Camos) para precisamente ofrecer esta colaboración. “Iniciamos os traballos de regularización naquelas que demandaron a nosa axuda, pero mantemos esta porta aberta para todas as demais no momento en que se decidan. As comunidades coas que o Concello colabora manteñen a súa independencia total e absoluta e seguen a ser os titulares dos seus recursos, é unha decisión dos comuneiros regularizarse coa nosa axuda ou sen ela”, insiste o rexedor.

Deste xeito, co fin de adaptarse á normativa sanitaria, o Concello investiu preto de 55.000 € en diferentes obras en Lapela, Rotea, o Castro e Pracíns. Segundo o informe das necesidades, nalgúns casos foi preciso renovar os colectores, noutros instalar cloradores, mosquiteiras, sinalización… e mesmo traballo administrativo.

“Todas as traídas comunais son de tempos xa remotos onde non había ningún tipo de regulación, algunhas foron adaptándose aos requirimentos e outras quedaron practicamente igual, pero hai que recoñecer que, grazas a estas entidades, foi posible fixar poboación no rural e mellorar as súas condicións de vida; forman parte do patrimonio galego e consideramos que agora é o momento de que o Concello colabore con elas ao tempo que continuamos ampliando o abastecemento público”, considera o alcalde, quen incide en que paralelamente o Concello cubriu nestes anos o 100% da parroquia de Parada e boa parte de Camos, onde proseguirá cos barrios de O Carballal, A Cruz, e a veciña Tarela.

As comunidades de augas son unha figura moi extendida en toda Galicia, especialmente no rural, onde a dispersión poboacional dificulta o abastecemento público, alí ancestralmente se formaron estas comunidades por iniciativa dos propios veciños. Estímase que en Galicia poden existir máis de 5.000 captacións comunitarias, que abastecen a ao redor de ‪300.000‬ fogares. A maioría delas regularizáronse a finais dos anos 70 ou comezos dos 80, con concesións a 20 anos, polo que as comunidades de augas afrontan agora a segunda renovación da súa concesión.