O Val Miñor acada a cifra récord de 30 socorristas contratados para as praias de Nigrán e Baiona

A Mancomunidade do Val Miñor incorporou a semana pasada a 6 novos socorristas que se suman aos 24 (23 + 1 coordinador) que xa como cifra récord traballan desde o 1 de xullo, conformando en total un persoal de 30 profesionais (o total do requirido) para atender as praias de Baiona e Nigrán durante todo o verán. Deste xeito, e tras a convocatoria por parte do Concello de Nigrán de catro cursos gratuítos para que a veciñanza en paro obtivese o certificado necesario, ponse fin na comarca á crise de cada ano en todos os municipios costeiros de Galicia para poder completar o persoal necesario.

“Levamos xa dous anos ofrecendo gratuitamente desde o Concello de Nigrán o curso obrigatorio para obter o certificado de profesionalidade polo problema de cada tempada para cubrir a demanda e aquí están os resultados”, explica o alcalde e presidente da Macomunidade, Juan González, quen subliña que estes cursos foron convocados desde o Concello e dirixidos a veciños de Nigrán desempregados que, agora, están a traballar. “Trátase dun certificado de profesionalidade moi demandado e cun custe económico alto tendo en conta que o traballo é moi estacional, ese era o motivo polo que había escasos socorristas coa titulación válida para exercer o seu traballo nas praias de toda Galicia”, engade.

Así, na primeira convocatoria de finais de xuño realizada desde a Mancomunidade do Val Miñor superaron as probas os 24 presentados (número xa suficiente para ofrecer o servizo con todas as garantías en Nigrán e Baiona) e agora con estes 6 novos profesionais da segunda convocatoria complétanse os 30 que se pretendían cada ano sen éxito.

Así, desde o 1 de xullo ata mínimo o 30 de agosto (se a climatoloxía é favorable se ampliará ata o 15 de setembro) Praia América conta con 3 postos de socorrismo repartidos entre Lourido- zona central e Panxón, e Patos un posto. Estes estarán operativos de 12:30 a 20:00 horas e atendidos como mínimo por 2 socorristas e 2 voluntarios de Protección Civil.

“Anualmente se repetía o problema de falta de socorristas en toda Galicia coa titulación requirida, polo que ofrecer este curso gratuíto desde o Concello foi un acerto para garantir a calidade asistencial nas nosas praias e, e ao mesmo tempo, para favorecer a empregabilidade da xente nova de Nigrán”, explica o alcalde, Juan González.