Araújo denuncia que o novo regulamento do Punto Limpo abre a porta a cobrarlle aos veciños por deixar residuos

Punto limpo de Vincios.

Manifesto Miñor denuncia nun comunicado que o goberno municipal do PSOE e o alcalde Paco Ferreira levan este luns a pleno un novo regulamento do Punto Limpo que abre a porta a cobrarlle aos veciños por deixar nel residuos domésticos.

“Un dos motivos polos que Manifesto Miñor se opuxo á contratación do novo servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos foi precisamente por incluír no mesmo a xestión do Punto Limpo como se fora unha parte máis da recollida ordinaria cando en realidade son cousas diferentes, mesmo contraditorias e que compiten entre si. É dicir, na medida en que o Punto Limpo vaia sacando residuos domésticos fóra do “circuíto SOGAMA” o negocio da recollida diminúe (SOGAMA cóbralle ao Concello por toneladas) co conseguinte aforro de cartos públicos para o Concello, a maiores dos beneficios sociais e medio ambientais”, sinala Antonio Araújo.

“Se a isto lle engadimos a compostaxe da materia orgánica, nun período de tempo razoable poderíamos estar falando dun cambio no sistema de recollida de RSU máis eficiente, barato e social e ambientalmente sustentable. En resumo, estamos diante dun regulamento pouco ambicioso á vista do uso que do Punto Limpo veñen facendo os veciños en relación ás cláusulas do mesmo, e disuasorio dende o momento que se abre a posibilidade de cobrar unha taxa por deixar nel residuos domésticos. É dicir, dende o noso punto de vista trátase dun regulamento pensado para manter e fomentar o negocio da recollida de RSU, no canto de mellorar e modernizar a actual recollida”, lamenta o voceiro de Manifesto Miñor.

Estas son algunhas das eivas que dende Manifesto Miñor-En Marea alegarán no período de exposición pública.

1ª.- Chama a atención que na introdución se ignore deliberadamente que o Punto Limpo de Gondomar se encontra en terreos propiedade da Comunidade de Montes de Vincios.

2ª.- É pouco ambicioso en canto ás cantidades de determinados residuos e a periodicidade para podelos levar ao Punto Limpo unha vez comprobado nestes anos o intenso uso do mesmo. Por citar algúns exemplos estarían as podas e céspede de xardíns, fluoresecentes, o peso de entullos de pequenas reformas na vivenda, ou os pequenos comercios que quedan fóra de podelo usar.

3º.- Os horarios do Punto limpo deben figurar no regulamento e non deixalos ao albur do Alcalde.

4º.- Eliminan a función pedagóxica e de concienciación que debe ter o Punto Limpo tal como se recollía no anterior Regulamento (Art.5 onde era un imperativo atender aos centros escolares, etc), para pasar agora a ser un obxectivo máis.

5ª.- Recóllese a posibilidade (Art. 11-2) do cobro dunha taxa pola utilización do Punto Limpo. De levarse adiante sería a morte do Punto Limpo tendo en conta que ademais do cobro en si mesmo, estaría tamén o tramite burocrático de cobrar e onde.

Para Manifesto Miñor-En Marea estamos diante dun regulamento disuasorio que o único que pretende é acabar co Punto Limpo e engordar os ingresos da empresa consesionaria e de SOGAMA. “Este sería o momento de poñerse a trabar na construción dun novo Punto Limpo (podería ser mancomundado) e ir avanzando cara a eliminacións dos RSU dun xeito sustentable”, conclúe Araújo.

Anuncios