Gondomar e Baiona, recoñecidas cunha flor de honra no certame “Vilas en Flor”

Gondomar e Baiona foron recoñecidos cunha flor de honra no certame “Vilas en Flor”, que entregou o pasado venres as súas distincións nunha gala na sala Eisenman da Cidade da Cultura. Este ano participaron 16 concellos de toda Galicia aos que se espera que se somen moitos máis durante o ano 2020 e como novidade, na gala desta edición non se coñecerá ao gañador ata o último momento. O acto estivo precedido dunha xornada técnica con tres relatorios técnicos que abordaron aspectos contemporáneas vinculados á integración dos espazos verdes nas cidades, vilas e pobos.

O xurado considera que o Concello de Gondomar procurou a mellora do seu aspecto con actuacións singulares nas rotondas de entrada e saída do núcleo. Tamén destacan o parque fluvial do río Miñor que discorre polo centro e que acolle de maneira natural as edificacións. Indican que ademais está a traballarse na idea de continuar o parque ata a ponte medieval do Camiño Real e a incorporación da zona axardinada tras o remate das obras do centro de saúde.

No que respecta a Baiona, destacan o coidado co que se rehabilitou a parte antiga do núcleo e apostouse por mellorar a antiga estrada que dá acceso ao Parador que percorre o bordo do mar para convertela nun paseo. Tamén recordan que se realizaron algunhas intervencións de axardinamento e arboledo nas rúas de novo trazado, e teñen en proxecto continuar nesa liña.

“Vilas en flor” segue o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá. O proxecto conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e a colaboración de Rainbird, Abn Abastecementos, Husqbarna, Fliwer e Hunter.

Aos cinco concellos participantes da primeira edición –Allariz, Chantada, Caldas de Reis, Betanzos e Ortigueira– súmanse este ano outros once, Culleredo, Mondoñedo, Portomarín, Tomiño, Ponteceso, Salvaterra, A Guarda, Cuntis, Carballiño, Gondomar e Baiona. O xurado realizou visitas técnicas a cada un destes concellos, co fin de analizar os criterios que puntúan neste certame.

“Vilas en flor” é un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra” son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo o criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. Hai cinco niveis: de unha a cinco Flores de Honra. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. Poden participar todos aqueles municipios da comunidade galega que teñan menos de cincuenta mil habitantes.

Anuncios