A Xunta elabora plans de prevención de inundacións para os regos Baíña e Groba en Baiona

FOTO: PEPE COSTAS // Senda fluvial de Baíña.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta está a elaborar plans de prevención para as 9 zonas fluviais de Galicia con maior risco de sufrir inundacións.

Vázquez Mourelle adiantou esta iniciativa na apertura da xornada de formación técnica de Augas de Galicia, organizada en colaboración do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, sobre ‘O papel da enxeñería na redución dos riscos de inundación. Implementación de medidas nos concello de Galicia’.

Na sesión de apertura deste encontro, no que estivo acompañada polo decano do Colexio, Enrique Urcola, concretou que estas áreas con maior risco de sufrir enchentes son as contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; no Ulla-Sar, en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga; no Anllóns, en Carballo; no río Lagares, en Vigo; nos regos de Baíña e de Groba, en Baiona; no río Fontecova e no rego Trasposta, en Viveiro; e no rego de Campeda, en Vimianzo.

Sinalou que o departamento que dirixe xa ten elaborado propostas de actuación para o caso de Vimianzo e de Carballo, para tratar de paliar os efectos que ocasionan as inundacións, frecuentes, no centro destas vilas. E tamén tense realizado un estudo sobre as medidas necesarias para minimizar os riscos de asolagamentos no núcleo de Xunqueira, en Viveiro.

No caso do Concello lucense, adiantou que nas vindeiras semanas, segundo o acordado, a Xunta presentaralles aos veciños o resultado das novas análises de actuacións urbanísticas necesarias para evitar riscos nese barrio de Viveiro. Nos Orzamentos de 2020 resérvase tamén a partida necesaria para cofinanciar, coa Deputación provincial e o Concello de Viveiro as obras que decida impulsar este último.

Explicou que o Goberno galego comezará este mes os traballos de actualización e elaboración dos novos mapas de perigosidade e de risco de inundacións de Galicia-Costa, que se encadran na revisión e actualización do novo ciclo de planificación hidrolóxica de Galicia 2021-2027.

Dixo que no marco desta nova Planificación, a Xunta ten realizado o estudo preliminar de risco de inundacións co obxectivo de estar previdos e preparados ante posibles episodios deste tipo. Téñense identificado dúas áreas fluviais máis con risco potencial de inundacións: Sada e Cambados, e tamén tense incrementado o ámbito de actuación en 3 áreas de risco potencial significativo de inundacións xa existentes: río Gaio (Cuntis); río Umia e río Lérez.

Puxo en valor o empeño da Xunta para delimitar e acoutar cada vez mellor as zonas de risco potencial, avaliando os riscos asociados a esas inundacións desde unha perspectiva integral e multidisciplinar que axude á prevención e protección.

Tamén salientou que a colaboración entre todas as Administracións e axentes implicados permite estar máis preparados fronte as inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias. Destacou a importancia da implicación dos concellos para acadar solucións que moitas veces teñen carácter urbanístico.