Anuncios
Ticker de novas

Gondomar estrea nova caldeira de biomasa

O recambio das caldeiras de gasoil, por obsoletas e contaminantes, nos edificios municipais de Gondomar iniciado o ano pasado pola Concellería de Medio Ambiente, hoxe deu un paso máis coa instalación dunha nova caldeira de biomasa no edificio principal da Casa do Concello, que neste caso, ademais de dar calor, produce tamén auga quente.

“Con esta xa van dúas, e polo tanto xa somos sabedores do aforro que isto supón, tanto en termos económicos (neste caso o Concello inviste só 5.000€ que en combustible se amortiza en dous anos), e sobre todo en termos medio ambientais evitando o envío á atmosfera de partículas e gases altamente nocivos para a saúde e contaminantes”, sinala Antonio Araújo.

A instalación desta nova caldeira, dimensionada para quentar un edificio antigo como é a Casa do Concello, foi posible grazas ás axudas que o INEGA (Consellería de Industria da Xunta de Galicia) vén sacando dende hai uns anos. Como xa se dixo a Gondomar custaralle arredor de 5.000€, é dicir, o 20% do total que custa a devandita caldeira.

“Esta xestión levada a cabo pola Concellería de Medio Ambiente, e polo concelleiro que isto subscribe, fai votos para que a persoa que a partires de mañá me substitúa, manteña a sensibilidade medio ambiental suficiente paras non abandonar esta liña de actuacións e acabar substituíndo todas as caldeiras de gasoil dos edificios municipais. Dende logo, esa era a miña intención, que xa non poderá ser por mor da expulsión do goberno municipal de Manifesto Miñor”, conclúe Araújo.

Anuncios