Baiona busca salvar a Festa da Arribada aprazándoa ao mes de outubro

Ante o actual contexto sanitario e o panorama de incerteza que afecta a calquera tipo de previsión, o goberno local de Baiona anuncia o cambio de data da súa festa estrela programada, como é habitual, para a primeira fin de semana de marzo, nun intento de salvar a celebración. Así o anunciou o alcalde Carlos Gómez, que na tarde de onte xoves mantivo unha conversación telefónica coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, para trasladarlle a decisión de pospoñer a Festa da Arribada. Os motivos esgrimidos polo rexedor son bastante claros xa que doutro xeito expoñeríanse a unha cancelación de última hora cunha perda importante de medios económicos e humanos.

A pesar de que aínda non hai data en firme, tentarán recolocala na primeira fin de semana de outubro ante a proximidade co Día da Hispanidade. De calquera modo, goberno e Corporación reuniranse o vindeiro martes 12 ás 10 horas para acordar unha nova data no calendario, que posteriormente levarán ao pleno do mes de febreiro. “Partimos de que os preparativos comezan como mínimo a principios de febreiro, imos moi xustos de prazos desde o punto de vista da evolución da pandemia e deste xeito tamén deixamos unha marxe para que se vacine á poboación”, aclara.

Gómez insistiu en que a postura adoptada parte de asegurar unha festividade que “xera un retorno económico moi grande ao comercio local” entendendo que canto máis se distancie “máis posibilidades teremos de levala a cabo a pleno rendemento garantindo a seguridade dos asistentes”. Polo momento esta é a única medida adoptada respecto diso, e adiantou que se irán adaptando ao transcurso dos acontecementos, aínda que sempre tentando que leve a cabo unha Festa da Arribada “o máis normal posible”.