Daniel Pazó e Elena Domínguez impóñense no Trail Trans Serra da Groba

Baiona celebrou este sábado a 7ª edición do Trail de Montaña Trans Serra da Groba, organizado pola Concellería de Deportes e composto por tres probas de diferente nivel e percorrido.

A primeira proba, un Trail de Montaña de 40 Km, tivo o seu pistoletazo de saída no Pavillón Municipal de Deportes de Baiona ás 8:00 horas, cun total de 30 participantes. Ás 10:00 horas saían os 115 atletas do Mini Trail, proba de 26 Km, e finalmente ás 11:00, desde Chan da Lagoa, os 160 participantes do Trailiño, que completaron un percorrido de 12 km. En total, uns 300 participantes entre todas elas.

Diego Bermúdez Remuiñán, de Ordes, e Raquel Doiro González, de Vigo, impuxéronse no Trailiño, cun tempo de 55:38 e 1:05:37 respectivamente. Ismael González González (56:14), e Brais Misa García (56:20), ambos de Gondomar, ocuparon o segundo e terceiro posto na categoría masculina. Sonia Martínez Leyenda (1:05:38), de Baiona, e Vanesa Villar Diéguez (1:09:34), de Vigo, completaron o podio feminino. Juan Carlos Fontán Gómez (1:12:05) e Ledicia Domínguez Martínez (1:25:12) foron os primeiros atletas baioneses en cruzar a meta.

Na proba do Mini Trail, o vencedor foi Luis Enrique Martínez Comesaña, de Nigrán, alcanzando a meta nun tempo de 2:25:08. Na categoría feminina, Diana Domínguez Otero, de Vincios, foi a primeira en completar os 26 km cun tempo de 2:56:32. O cadro de honra complétase con Saúl Nemesio Vázquez Pedreira como primeiro baionés cun tempo de 2:30:28, e Natalia Sierpes Pereira como primeira muller local cun tempo de 3:06:31. Por equipos, o primeiro clasificado foi o Yajoma Team.

Na proba raíña, o Trail de 40 km, repetiu vitoria Daniel Pazó Giráldez, cun tempo de 4:03:27, natural de Baiona. Na categoría feminina, Elena Domínguez González, do Barco de Valdeorras, quedou primeira cun tempo de 7:12:41. Ángel Giráldez Piñeiro foi o vencedor local, cunha marca de 5:16:51, e o Atletismo Baiona, primeiro clasificado por equipos.

Finalmente, Jose Manuel Conde González e Javier Fernández Pérez levaron o trofeo ao corredor de maior e menor idade, con 75 e 16 anos respectivamente.

Anuncios