O Concello de Baiona vén de sacar a licitación o contrato para a execución das obras de restauración do Palco de Música da Palma por 64.766,70 euros (IVE incluído). As empresas interesadas terán ata o vindeiro luns 5 de febreiro para presentar as súas propostas. Coa restauración do palco preténdese restablecer a súa funcionalidade para acoller variadas actividades de carácter cultural, como actuacións de grupos e bandas de música ou interpretacións teatrais, recuperando así o uso primixenio do elemento, poñéndoo en valor e revitalizando a contorna que a acolle. O espazo situado na planta inferior acondicionarase para manter o seu uso de almacén.
Os muros exteriores do palco están realizados en noiro con cantería regular de granito, labrada con distintas molduras tanto en remate de coroación como en zócalo base. Os traballos a realizar consistirán na recolocación de pezas desprazadas; limpeza de grafitis mediante a aplicación dun produto específico para a súa eliminación; e cosido estático de fragmentos desprendidos e selaxe de gretas e fisuras; limpeza con auga desionizada axudada coa aplicación de axente biocida; saneado en toda a superficie de xuntas disgregadas; tratamento biocida con aclarado con auga desionizada; retacado de oquedades con morteiro de cal elevado.
A estrutura de formigón armado está constituída por unha laxa maciza de formigón armado, un piar central de planta octogonal e apoios nas esquinas interiores do basamento de pedra. Dispóñense vigas descolgadas en esquema radial desde o piar central ata os apoios. A estrutura atópase moi deteriorada, polo que se procederá á súa reparación mediante a realización de saneado da estrutura existente mediante a proxección de auga a presión; cepillados con cepillo de púas para o saneado das armaduras de aceiro e aplicación de imprimación; aplicación manual de recrecido de norte tixotrópico modificado con polímetros e reforzado con fibras; aplicación de dúas mans de pintura anticarbonatación opaca en cor branca e acabada mate.
A cuberta atópase nun bo estado de conservación, polo que se procederá unicamente ao seu pintado. Repararase previamente a superficie mediante lixado e rascado e aplicaranse decapantes para a eliminación dos restos de pintura existentes. Aplicarase unha imprimación antioxiante e dúas mans de pintura de poliuretano de dous compoñentes ou pintura especial a base de resinas sintéticas de gran resistencia á intemperie. En canto aos elementos metálicos, repoñeranse os elementos que estean en mal estado e limparanse e protexerán aqueles que sexan recuperables.
Procederase á retirada da totalidade do falso teito de madeira existente. Retirarase así mesmo o rastrelado de madeira sobre o que se ancora. Colocarase un novo falso teito composto por lamas de madeira de piñeiro machihembradas de 12mm de espesor e 100mm de anchura, mantendo unha xunta de dilatación de 1mm entre as lamas. O falso teito ancorarase a unha estrutura de rastreles de madeira de piñeiro de 30x30mm de sección, ancorados á estrutura metálica. O falso teito vernizarase con verniz á auga de acabado mate ou satinado, aplicándose previamente unha man de fondo acuoso protector, insecticida, funxicida e termicida.
Procederase ao levantado da instalación eléctrica aérea existente, así como dos focos de iluminación ancorados ao friso metálico. Realizarase unha nova acometida eléctrica enterrada desde a oficina de turismo e instalarase unha nova instalación eléctrica cumprindo a regulamentación vixente. Dotarase dun novo sistema de iluminación eficiente de baixo consumo, de luminarias tipo LED downlight de 15w con protección IP54 para exteriores encaixados no falso teito. Así mesmo, dotarase de iluminación e tomas de electricidade ao almacén situado na planta inferior con elementos estancos con protección IP65.
As obras, que serán financiadas cunha subvención da Deputación de Pontevedra ao amparo do Plan Concellos, terán un prazo de execución de 4 meses.

