Convocan unha manifestación contra a venda de Povisa

O Comité de Empresa de Povisa e SOS Sanidade Pública convocan este xoves 24 de outubro unha manifestación en contra da venta do centro hospitalario vigués. A marcha comezará ás 20:00 horas desde a Praza dos Cabalos.

Segundo os convocantes, a compra de Povisa pola aseguradora estadounidense Centente (propietaria de Ribera Salud) supón un salto cualitativo na privatización da atención hospitalaria da área sanitaria de Vigo. “Con esta compra Centene, que pretende expandirse por todo o Estado, chega agora a Galicia. A empresa Concessia que xestiona o hospital Álvaro Cunqueiro, é socia de Centene, polo que a atención hospitalaria quedará en mans dun monopolio empresarial”, sinalan.

“Despois de anos de chantaxear aos seus traballadores e ao Sergas con ameazas de peche –continúan-, Povisa declara perdas e vende por un prezo de ganga (24 millóns de euros) o hospital, a escola de enfermería e as consultas anexas, a unha multinacional americana que xa ten demostrado que utiliza a fórmula de despedir persoal e recortar calidade na atención sanitaria para garantir as súas ganancias”.

Recordan ademais que Ribera Salud e Centene son dúas empresas con antecedentes de realizar practicas irregulares con fondos públicos. “Esta empresa chegou a recorrer ao embaixador americano para presionar á Comunidade Valenciana para que cesara no seu intento por recuperar o Hospital de Alzira para a sanidade pública. É de supoñer, por tanto, que haberá grandes dificultades para integrar a Povisa na sanidade pública ao finalizar o actual Concerto Singular dentro de 4 anos”.

Desde a maioría do Comité de Empresa de Povisa e a Plataforma SOS Sanidade Pública rexeitan esta compra por unha contía mínima e denuncian a perda de oportunidade da Xunta de adquirir Povisa por 24 millóns de euros, “garantindo a xestión pública dun recurso asistencial vital para a área sanitaria de Vigo”.

“A compra de Povisa por parte da Consellería de Sanidade permitiría garantir unha prestación sanitaria a toda a poboación da área sanitaria de Vigo desde o sistema público e facilitaría o seu desenvolvemento sen estar ao servizo dos intereses privados”, conclúen.

Anuncios