Camos acolle o I Torneo Intermodal Nacional Feminino de Bolos

O próximo fin de semana celebrarase na casa de cultura de Camos-Nigrán o I Torneo Intermodal Nacional Feminino de Bolos. O venres 13 farase a presentación do torneo e unha cea de confraternidade. O sábado e domingo a propia competición en si, para rematar o domingo coa entrega de trofeos e galardóns ás vencedoras, arredor das 13:30 horas.

O obxectivo deste encontro é potenciar e desenvolver a práctica do xogo dos bolos nas súas distintas modalidades entre as mulleres. Participarán 36 xogadoras, técnicas tituladas nas distintas modalidades e delegadas de bolos das comunidades de Andalucía, Asturias, Castela e León, Galicia e Pais Vasco.

As actividades a desenvolver serán a práctica e coñecemento das modalidades de bolos das distintas rexións, ademais do intercambio de experiencias entre as modalidades. Técnicas de xogo coa explicación dos regulamentos e as dificultades da súa práctica. Tamén o impulso da muller en postos directivos de clubs e federacións.

Paralelamente e en campos anexos disputaranse os Campionatos de España de bolo celta categoría veteranos individual e por parellas coa participación de 25 xogadores das comunidades de Asturias, Galicia e Madrid. Ambas competicións darán comezo (ambos días) ás 10:30.

A entrega de galardóns, á que asistirán autoridades locais e rexionais, será arredor das 13:30 horas do domingo.

Anuncios