A competición de surf galega júnior volveu en todo o seu esplendor esta fin de semana á Praia de Patos. Despois de case dous anos sen campionato debido á pandemia a canteira do surf galego demostrou o seu alto nivel nestes dous días de competición.
A pasada fin de semana celebrouse na Praia Patos (Nigrán) a primeira proba do Circuíto Galego Júnior de Surf e bodyboard. Esta era a primeira proba despois de case dous anos sen competición, a última celebrouse a finais do 2019 e o ano pasado non se chegou a celebrar ningunha debido á pandemia. Había moitas ganas de surf e o tempo acompañou con moi boas ondas que roldaron o metro e medio tanto o sábado como o domingo.
O equipo de Prado Surf Escola fíxose con dous primeiros postos nas categorías de Sub 16 masculino con Sebas Baamonde e Sub 12 con Deigo Vieteis. Ademais en Sub 16 feminino, Mara San Marco e Claudia Pereira conseguiron o 2º e 3º posto respectivamente.
A proba contou co apoio de Aguasana quen fixo entrega de dous dos premios, Waira Surf, Solo Imprenta, Ozocare, Hi Surf, Gadis, Deleitar, Mercedes Louzao, Xunta de Galicia e Deporte Galego.
Toda a competición realizouse baixo unhas estritas normas de seguridade xa que todas as entidades organizadoras, Federación Galega de Surf, Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán, eran moi conscientes de que con esta primeira proba había que demostrar que cumprindo os protocolos o surf galego pode volver á competición.

