Nigrán organiza unha excursión á Coruña con parada en Betanzos para a terceira idade

O Concello de Nigrán continúa co seu programa de turismo social destinado á veciñanza da terceira idade cunha excursión o 18 de setembro á cidade de A Coruña con parada en Betanzos. O prazo de inscrición abre o mércores 4 de setembro ás 9:00 horas e pecha o luns 9, os interesados deberán inscribirse na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán e abonar 16 € (só se permite inscribir a un máximo de 2 persoas por solicitante).

A excursión, con saída ás 8:00 horas en autobús dende a Casa do Concello, inclúe visita ao Castelo de San Antón (S.XVI), declarado Monumento Histórico Artístico e Ben de Interese Cultural; e percorrido ata a Torre de Hércules, o faro romano máis antigo do Mundo, aínda en uso e declarado Ben de Interese Cultural e Patrimonio da Humanidade. Ademais, realizarase un paseo polo parque escultórico e o paseo Marítimo e parada para xantar no restaurante A Peneira. A excursión inclúe tamén unha visita á vila coruñesa de Betanzos, con casco histórico declarado Conxunto Histórico Artístico e destacando importantes monumentos góticos. O prezo da viaxe é de 16€ e inclúe transporte en autocar, almorzo, e entrada ao Castelo.

O Goberno local de Nigrán entende que viaxar «non só serve para descubrir lugares novos, senón que aporta moitísimos beneficios especialmente útiles para as persoas maiores, como a mellora do ánimo, aumento da creatividade, mellora da capacidade de resolver problemas, estimulación da actividade cerebral e reconstituínte da memoria e da atención».

Nese sentido, o alcalde de Nigrán, Juan González, deixa clara a súa aposta por este programa, «porque a todos estes beneficios hai que engadir que se socializarán e, en definitiva, faraos sentir máis felices e vitais”.

Anuncios