Socorren a unha muller en Nigrán cando recollía castañas nunha zona de maleza

Os Servizos de Emerxencia socorreron en Nigrán a unha muller cando recollía castañas nunha zona de maleza. Afortunadamente a octoxenaria atopábase en bo estado de saúde, aínda que, por precaución, foi traslada ao centro hospitalario de referencia.

Eran as 6:00 desta madrugada cando os membros do GES de Val Miñor informaban ao CIAE 112 Galicia da súa saída, unha muller que saíra a recoller castañas en Nigrán, podía estar en apuros. Desde un primeiro momento, a persoa estivo localizada, pero a maleza da zona dificultaba o acceso á súa posición.

Ata o lugar, desprazáronse ademais dos membros do GES e da Policía Local, o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Igualmente, desde o 112 Galicia informouse da situación aos bombeiros de Baixo Miño e de Vigo e aos membros de Protección Civil.

Finalmente, a muller foi socorrida en bo estado de saúde, malia que por precaución, segundo confirmaron os membros do GES, foi evacuada polos profesionais sanitarios.