Investigan a un veciño de Nigrán por abusos sexuais, ameazas e coaccións a unha empregada do fogar

A Garda Civil investigou penalmente a un home de 75 anos, veciño de Nigrán, como presunto autor dos delitos de abusos sexuais, ademais de trato degradante, ameazas e coaccións. Ao parecer, esta persoa contactou a través das páxinas de anuncios breves cunha coidadora e empregada de fogar, á que posteriormente coaccionaba co fin de manter relacións sexuais con ela.

As investigacións realizadas por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán iniciáronse por mor da denuncia presentada pola última empregada de fogar que estivera traballando na casa deste veciño de Nigrán, a cal, aconsellada por unha traballadora social, puxo en coñecemento da Garda Civil o trato degradante e as vexacións das que estaba a ser obxecto no seu posto de traballo.

O relato desta vítima é similar ao que formularon outras mulleres que xa presentaran denuncia contra esta mesma persoa o ano pasado. En todos os casos recolléronse testemuños coincidentes, ao sinalar que todas estas empregadas do fogar foron obxecto, por parte desta mesma persoa, de tocamentos de carácter sexual de forma autoritaria e agresiva, non exentos de coaccións e coa ameaza explícita de despedilas se non accedían ás súas pretensións lascivas.

O presunto autor é unha persoa de 74 anos, con diversidade funcional física que require atencións e coidados especiais, que xa fora investigado o ano pasado e posto a disposición xudicial polos mesmos motivos.

Do mesmo xeito que ocorreu en novembro de 2018, nesta ocasión notificóuselle novamente a súa condición de investigado como presunto autor dos delitos contra a liberdade sexual, trato degradante e vexatorio, ameazas, coaccións, malos tratos e contra os dereitos dos traballadores, tendo en conta de que esta persoa non tiña subscrito ningún contrato laboral.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, onde deberá comparecer o investigado cando sexa requirido.

A investigación continúa aberta porque non se descarta que poidan existir máis mulleres afectadas.

Anuncios