Inscricións abertas para a XXXV Carreira Pedestre Popular “Andar e Correr”

A Concellería de Deportes do Concello de Baiona organiza unha nova edición da tradicional Carreira Pedestre Popular “Andar e Correr”, sendo neste ano 2019 o seu 35 aniversario. A organización anima a todos os veciños e turistas a que participen na que é sen dúbida a festa do deporte para todos en Baiona, co reto de superar as 2.500 inscricións.

A carreira, do mesmo xeito que estes últimos anos, cun percorrido xa tradicional e coñecido por todos os amantes do deporte, reúne no seu trazado o paso polas máis características rúas e o paso pola zona vella que fai da carreira de Baiona algo especial, sendo o perfil da mesma o que realmente fideliza aos deportistas co evento deportivo por excelencia.

A carreira comezará a partir das 10:00 horas do día 18 de agosto desde o Parque da Palma para os máis pequenos, repartidos nas seguintes categorías: 10:00 h Benxamíns (7-9 anos), cunha distancia de 750 metros, 10:10 h Alevín Masculino (10-12), cunha distancia de 1.500 metros, 10:20 h Pre-benxamíns (5-6), cunha distancia de 400 metros, 10:30 h Chupetes (2-4), cunha distancia de 80 metros, e 10:45 h Alevín Feminino (10-12), cunha distancia de 1.500 metros.

A partir das 11:00 está previsto desde a entrada ao Parador Conde de Gondomar dar a saída á carreira de adultos (Categorías Infantil, Cadete, Júnior, Sénior A, Sénior B e Veteranos A, B e C), cun percorrido de 10 Km. Unha vez finalizada farase entrega dos trofeos e agasallos a todos os participantes.

Os servizos dos que dispón a carreira van desde o sistema informático para ofrecer tempos e clasificacións a todos os participantes, servizo de duchas no complexo deportivo do Aral e no Pavillón Municipal, e as atencións médicas de ambulancia, médicos e Protección Civil, chegando á cifra de 150 persoas involucradas na organización e control da carreira.

Para inscribirse e obter toda a información necesaria está dispoñible a web www.andarecorrer.com. O prazo para formalizar as inscricións finaliza o día 12 de agosto ás 24:00 horas. O custo da participación será de 8€ só para os participantes na carreira do 10 km. Para participar nas carreiras dos máis pequenos a inscrición é gratuíta.

Os dorsais poderán recollerse no Pavillón de Deportes os días 16 e 17 de agosto, tendo que presentar os corredores da carreira do 10 km. o xustificante de pago. Para maior información dirixirse ao Pavillón de Deportes Municipal ou chamar ao teléfono 986 356 558.

Anuncios